Patricia Otero reclama tamén na súa iniciativa que antes de tomar a decisión sobre as áreas vedadas á pesca se teñan en conta informes sobre os aspectos biolóxicos, económicos e sociais do impacto
O Parlamento de Galicia aprobou este martes a iniciativa socialista presentada pola deputada Patricia Otero na que se rexeitan as novas actuacións que pretende levar a cabo a Comisión Europea para ampliar as zonas onde se prohibe a pesca con artes de fondo.
Na Comisión de Pesca e Marisqueo da Cámara galega debateron unha proposición de lei que defenderon os socialistas de cara á defender os dereitos do sector pesqueiro. Despois da veda á pesca de fondo que levou adiante a Comisión Europea a 87 zonas e que afectou especialmente aos produtores galegos, agora están prantexando unha ampliación das mesmas.
Dende o Grupo Socialista demandan á Xunta que “non instaure unha política de brazos cruzados” e que o novo conselleiro de pesca traballe para que non se tome unha decisión contraria aos intereses do sector en vez de reaccionar a posteriori. Deste xeito, Patricia Otero ve motivada a súa iniciativa, polo que asegurou que dende o PSdeG “non compartimos o regulamento que pretenden levar adiante e rematarían co arte da pesca de arrastre”.
Por elo, na iniciativa que foi finalmente aprobada, Otero reclama que a Cámara galega amose a súa desconformidade coa proposta da Comisión Europea para ampliar as zonas vedadas á pesca de arrastre, especialmente facéndoo “de forma xenérica, sen considerar que non todas as artes teñen o mesmo impacto”.
Así mesmo, demanda que a institución comunitaria “rectifique e desista” na intención de ampliar ata 102 ou 115 as vedas e que antes de que se propoña un novo regulamente se realice un estudo que teña en conta non só o impacto biolóxico da decisión, senón tamén as consecuencias económicas e sociais que tería “para que permitan tomar unha decisión con garantías ante un tema de vital transcendencia para o sector pesqueiro galego”.