Julio Torrado censura que a Xunta, malia ingresar 60 millóns ao ano en taxas e impostos ao xogo, negue ás persoas adictas ao xogo ser atendidas polo Sergas, deixando esta cuestión en mans de entidades ás que “só destina 5.000 euros ao ano”
O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, pediu hoxe á Xunta que asuma a atención sanitaria das persoas que sofren adiccións ao xogo, do mesmo xeito que ocorre con outras adiccións como ás drogas ou o alcohol, xa que agora mesmo atópanse “excluídas” do sistema e “abandonadas” polo Sergas.
A proposta socialista, que se tramitou a través dunha proposición non de lei que foi debatida na xornada de hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento, foi aprobada por unanimidade grazas ao voto a favor dos tres grupos.
“Levamos 40 anos sen lei do xogo e ás persoas afectadas por este problema negámoslle ser atendidas polo Sergas”, alertou o socialista, o que amosa que “o PP retrocede outra vez máis”, xa que este “é un debate que a ciencia xa superou”, pero o Sergas “quéreo negar”. “Cando corresponde tomar decisións, o Sergas é un pouco negacionista da ciencia”, incidiu.
Neste contexto, o dirixente socialista lamentou que a Xunta, malia ingresar 60 millóns de euros ao ano en taxas e impostos ao xogo, negue ás persoas adictas ao xogo ser atendidas polo Sergas, deixando esta cuestión en mans de entidades e asociacións ás que “só destina 5.000 euros ao ano”.
UN “SISTEMA PERVERSO”
Así, sinalou que o sistema que ten o goberno galego para a atención ás persoas con adiccións “é perverso” en canto á dotación de recursos, cunhas listas de espera de máis de 4 meses de media, o que supón que “con sorte” unha persoa cun problema de adiccións podería recibir “tres citas ao ano” para poder abordar o seu problema.
Por último, Torrado pediu ao Executivo galego que cumpra o acordo parlamentario que promoveu o PSdeG na Cámara galega o pasado ano para que o Sergas absorba a xestión das unidades de atención de condutas aditivas, un servizo que na actualidade se atopa municipalizado.