Julio Abalde advirte que “non é de recibo que as familias teñan que estar en continua loita curso tras curso para que a Consellería os atenda con retraso e a rastro”
A Comisión de Educación do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Consellería de Educación que recupere ao coidador suprimido este curso no CPI Cernadas de Castro de Lousame. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, presentou esta iniciativa para reclamarlle á Consellería de Educación que atenda ás necesidades das familias e reverta os recortes no centro.
A iniciativa pídelle explicitamente á Consellería que recupere o profesorado especialista e coidadores que tiña nos cursos anteriores. Abalde explicou que no centro hai actualmente en distintos cursos un neno cunha enfermidade rara e outros dous con autismo e un alto grao de dependencia, que ata o curso pasado contaban con dous coidadores pero, a partir do comezo deste curso, tan só teñen un porque Educación decidiu suprimir a outra praza.
Lembra que malia que as rateos fixan un coidador por cada seis nenos, o caso deste centro é particular porque están en diferentes cursos de primaria e con distintos horarios que se solapan entre si. Ademais, explicou, o centro ten 30 rapaces e rapazas con dislexia, retrasos temporais da linguaxe, disfaxia e outras particularidades.
Sinalou que “bastaba con que a Consellería fora sensible e non aplicara de forma cega a redución de efectivos que está a aplicar en todo o sistema educativo”, como están a denunciar as federacións de Anpas de toda Galicia.
Ademais, lembra que a Consellería de Educación comezou o curso suprimindo ademais ao profesor especialista en Audición e Linguaxe, que logo das protestas das familias foi restaurado o pasado luns. Apuntou que “non é de recibo que as familias con nenos e nenas con necesidades especiais teñan que estar en continua loita curso tras curso para que a Consellería os atenda con retraso e a rastro”, desta vez pasado case un mes do inicio do curso.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia á asignación ao CPI de Cernadas de Castro de Lousame do profesorado especialista e coidadores que permita manter, a lo menos, as mesmas prestacións dos cursos anteriores ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, tal e como está facendo a Consellería”