O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, criticou hoxe o Plan de Transporte Público de Galicia, sometido a finais de abril a información pública. Fernández presentou unha pregunta oral na que criticou a “incapacidade, inoperancia, falla de transparencia e de diálogo co sector, sindicatos e concellos” demostrada pola Xunta na elaboración deste documento.
O responsable socialista criticou un Plan que supón un “esquema inicial orientado ao aforro de custes e polo tanto á limitación de servizos” e lembrou que resulta “imposible mellorar o servizo sen un aumento no orzamento”. Sinalou que o documento carece do necesario estudo sobre as necesidades de mobilidade no territorio e carece de referencias e recomendacións previstas nas Directrices de Ordenación do Territorio.
Tampouco inclúe, engade, a “realidade das áreas metropolitanas” de Galicia, e inclúe a solicitude de colaboración financeira doutras administracións, o que resulta de facto un “desleixo das funcións da Consellería”.
Fernández resumiu que se trata dun plan “xenérico, indeterminado e impreciso”, e que ademais “nin sequera é un plan de transporte público pois unicamente contempla unha parte dun único modo de transporte, cando debera ser consecuencia dunha formulación máis xeral e completa sobre a mobilidade de Galicia”.