O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, alertou hoxe da “falla de recursos e de medios” postos polo goberno galego a disposición do novo Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais –Pladiga-. Na comparecencia do conselleiro do Medio Rural para presentar o novo Pladiga no Pleno do Parlamento, o responsable socialista reclamou un “cambio estrutural do noso monte”.
Pérez Seco reclamoulle hoxe ao goberno galego “vontade política” e que “poñan de verdade máis e mellores medios ao servizo dos nosos profesionais”. Advertiu que “o cambio non pode ser unicamente de forma, ten que ser un cambio de fondo que optimice os recursos dispoñibles, tanto económicos como humanos e de medios, para poder realizar as labores de prevención e mantemento necesarias”.
Instou ao goberno galego a aproveitar a “oportunidade de mudar e mellorar o sistema”, seguindo tanto as conclusións da Comisión de Estudo sobre os incendios do Parlamento como do comité de expertos creado polo goberno galego e que está “a piques de rematar e de aprobar as súas recomendacións”. Alertou de que “malia aos cambios introducidos no novo Pladiga, estes non veñen acompañados de apoio económico para que poidan ter lugar máis aló dun documento”.
Sinalou que “precísase dunha política transversal que alcance tódolos sectores implicados e que permita superar a política errada dos últimos anos da Xunta de Galicia”. Reclamou así unha “política transversal” que loite contra os lumes “dende tódolos sectores”, poñendo o foco na prevención e recollendo aportacións de tódolos axentes implicados”.
O parlamentario socialista advertiu que a suba dun 3 por cento dos orzamentos para a loita contra os lumes en dous anos resulta “escasa, por canto estamos a falar dun problema gravísimo” como o que provocan uns lumes “agresivos e desestacionalizados, que non entenden de tempadas, son imprevisibles, tanto na súa aparición como na extensión xeográficas”.
Así, esixiulle á Xunta que “non fagan trampas ao solitario”, e afronte este problema “con cambios de fondo, que afectan á ordenación do territorio, á creación de montes ordenados e produtivos”, cunha xestión decidida a prol de “superar o actual modelo”.