O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, constatou hoxe que a cifra de 6.108 rastrexadores da covid de Galicia dos que o presidente da Xunta presumiu antes das eleccións autonómicas non é certa. Así o sinalou no debate dunha pregunta oral ao novo conselleiro de Sanidade, quen foi incapaz de confirmar a cifra, e mesmo chegou a pedirlle ao deputado que “defina o que entende por rastrexador”.
O parlamentario socialista denunciou a “cerimonia da confusión” protagonizada polo presidente da Xunta, quen pasou dos 50 rastrexadores de finais de maio a confirmar a existencia de 6.108 no mes de xuño. Torrado ironizou sinalando que “algunha das dúas cifras é unha pequeniña mentira, déixolle elixir a vostede cal foi”, e amosou a súa preocupación pola dificultade do conselleiro por “definir o que é un rastrexador nin as súas funcións”.
Torrado esixiulle ao conselleiro que explique “cantos rastrexadores hai de verdade, como están distribuídos, onde traballan e quen os contrata, non vaia ser que estean vostedes salvando unha boutade de Feijóo ou realmente hai eses 6.108” que anunciou. O responsable socialista confesou a súa consternación ao comprobar hoxe por que “os profesionais din que non coñecen a estes rastrexadores, aos contactos dos positivos non lles chama ninguén nin lles fan seguimento”.
Advertiu que, seguindo a lóxica da Consellería e do presidente da Xunta, “se unha persoa se contaxia de covid, e na casa fai memoria de con quen estivo e a quen contactou, tamén é un rastrexador”, e polo tanto “en Galicia hai 2,7 millóns de rastrexadores”, tantos como habitantes, porque “calquera que teña ou non coronavirus pode pensar con quen estivo”.