A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe no Parlamento que o Igape deixou sen executar ata 146 millóns de euros, a metade dos gastos previstos entre 2016 e 2018. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamar a execución dos orzamentos do ente e pedir un plan de actuación para empresas en crise, que foi vetada polo PP.
Rodríguez Rumbo lembrou que o Igape orzamentara un total de 306 millóns de gastos efectivos entre os anos 2016 e 2018, pero rematou unha execución efectiva de 160 millóns de euros, deixando no caixón un total de 148 millóns, o 48 por cento do total de créditos consignados. O PP rexeitou a proposta socialista que alertaba da “xestión ineficiente” do Igape e pedíndolle á Xunta “realizar as actuacións necesarias co obxecto de que execute os orzamentos na súa totalidade”.
A responsable socialista afeoulle ao PP que “presuman dun incremento orzamentario que despois non gastan”, e sinalou que “cando executen os orzamentos, entón despois vimos aquí e amosan vostedes músculo”. Ata entón, dixo, “a Xunta de Galicia fai que fai, parece que van facer para despois non facer nada”.
Denunciou o “fracaso” da política de impulso da actividade económica por parte do goberno galego, que conta con 26.800 traballadores menos na industria dos que había en 2008, mentres o peso da industria galega no conxunto do Estado ten diminuído de forma imparable nesta etapa. Sinalou así que a industria galega quedouse cun total de 18.000 novos ocupados menos dos 50.000 que prevía a Xunta para 2020.
Apuntou ademais que o fracaso do goberno galego reflíctese tamén na caída do Índice de Produción Industrial a un 4,5 por cento negativo, fronte ao crecemento do 0,5 por cento da media estatal, e en catro anos, entre 2016 e 2019 o sector industrial galego tivo un crecemento un 16 por cento inferior á media.
Proposta
Os socialistas reclamaban hoxe ademais un plan de actuación para as empresas en crise coa participación do sector empresarial, sindicatos, universidades e a Xunta de Galicia, así como unha nova estratexia de internacionalización das empresas galegas e o cambio na estratexia de captación de investimentos estranxeiros que contemple información, formación e financiamento.