Paloma Castro sinala que en toda a provincia só hai 56 prazas e lembra que o goberno ten dispoñibles os terreos na rúa da Barca de Pontevedra para construír un novo Centro de Día
A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle á conselleira de Política Social que garanta prazas residenciais de día para adultos con trastorno do espectro autista -TEA- na provincia de Pontevedra. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento diante dos recursos “absolutamente insuficientes” para apoiar a estas persoas e ás súas familias que foi seguida dende o Parlamento polas familias xunto co portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro.
Explicou que logo de pasar polas dificultades na atención á primeira infancia polos retrasos nas valoracións e nas probas diagnósticas, un paso pola educación pública lastrada polos insuficientes profesores de apoio e as prazas limitadas nos centros de educación especial, en canto chegan aos 21 anos son enviados á casa. Agás uns poucos privilexiados que poden aspirar a unha das 56 prazas que hai en toda a provincia de Pontevedra, o resto volven ao fogar sen axuda.
Reclamoulle á conselleira que escoite ás familias que están a pedir axuda en forma de prazas residenciais nun centro de día para evitar que queden “illados nas casas pola falta de recursos asistenciais”. Lembroulle que o Pleno do Concello de Pontevedra aprobou recentemente a proposta socialista para pedir un centro de día no norte da provincia, e que contou co voto favorable do PP, e a continuación o Concello poñía a disposición da Xunta uns terreos na rúa da Barca.
A responsable socialista emprazou á conselleira a manter unha reunión coas familias, que hoxe acudiron ao Parlamento para seguir o debate, e lles dea unha solución para resolver o que é un clamor. Subliñou que “propuxemos a creación dun centro, pero a necesidade é que existan estas prazas residenciais” diante da urxencia destas familias, polo que lle pediu á conselleira que presente “outras posibilidades que poidan ver máis axeitadas” se é necesario.