Patricia Iglesias urxe ao goberno galego a tomarse en serio as condicións de seguridade dun viario que supera os 10.000 vehículos diarios
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias esixiulle á Xunta que faga canto antes o desdobramento da estrada AC-418 entre Carballo e Buño para que teña dous carrís de vehículos por cada sentido. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas do Parlamento para esixirlle ao goberno galego que se “tome en serio” a seguridade da estrada, que soporta cada día máis de 10.000 vehículos.
A responsable socialista alertou de que a intensidade do tráfico desta estrada, sumada ás carencias máis que evidentes de seguridade polo “abandono absoluto” por parte do goberno galego, están detrás dos accidentes graves que rexistra cada ano, algúns deles de consecuencias fatais. Lembrou que a estrada, inaugurada polo goberno galego presidido polo socialista Pérez Touriño en 2007, non recibiu ningunha actuación de mellora dende a chegada do PP ao goberno en 2009.
Criticou que os Orzamentos da Xunta dedican cada ano partidas importantes á mellora da estrada que “quedan en papel mollado simplemente porque non se executan”. Advertiu que o desdobramento da vía con dous carrís resulta “esencial” para o desenvolvemento de Ponteceso e Malpica, a atención ás necesidades dos polígonos industriais e a seguridade viaria, ademais de que resulta viable por canto non atravesa ningún núcleo de poboación nin áreas protexidas relevantes.
Iglesias explicou que o tránsito de camións pesados pola vía é “continuo” pola actividade dos concellos de Malpica de Bergantiños e Ponteceso, así como a planta de prefabricados de Buño e a actividade da canteira de Cances. Trátase dunha vía que é utilizada por tractores, que non poden utilizar as vías de servizo, pero non conta con dobre carril nas subidas, polo que os vehículos lentos provocan longas retencións.
Ademais, a falla dun terceiro carril provoca importantes atascos nos acceso á rotonda de Carballo na súa conexión con Cances, e iso que se trata dunha vía esencial para canalizar o tráfico coa cidade da Coruña. Explicou que esta estrada resulta fundamental para a conexión da comarca co hospital da Coruña, xa que ao carecer dun hospital comarcal, a ambulancia e o PAC de Ponteceso quedan sen médico durante dúas horas cada vez que se teñen que desprazar ao CHUAC.