Noa Díaz denuncia a falla de compromiso do goberno galego coa defensa do patrimonio, aludindo á “ambigüedade” con respecto a declaración BIC de Castro Lupario (Rois) “á que non lle pon data nin asegura que, finalmente, o vaian declarar”
Reclama o redeseño do trazado da liña de alta tensión Lousame-Tivo para evitar que cruce o conxunto patrimonial
A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, urxiu a Xunta a declaración de Ben de Interese Cultural para Castro Lupario (Rois) e a súa contorna. Díaz denunciou, durante unha Pregunta ao goberno galego na Comisión de Cultura do Parlamento, a falla de compromiso da Xunta coa defensa do patrimonio, aludindo á “ambigüedade” con respecto á declaración BIC deste ben “ao que non lle pon data nin aseguran que, finalmente, o vaian declarar”.
A responsable socialista denunciou que Castro Lupario, “unha xoia arquitectónica” que forma un “conxunto patrimonial, histórico, artístico e ambiental de valor incalculable”, se atopa “en perigo” polo impacto dunha nova liña de alta tensión Lousame-Tibo, cuxo trazado se deseñou sobre este enclave. Díaz remarcou que “ante esta posible agresión ao patrimonio, a veciñanza e a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago reclaman a declaración BIC” para esta contorna.
Díaz lamentou que pese a que “a Dirección Xeral de Patrimonio anunciara en febreiro de 2009 que iniciaría nos vindeiros meses os procedementos para a declaración como BIC de 19 castros emprazados en distintos puntos de Galicia”, a Xunta “once anos despois, só declarou nove castros BIC, quedando pendentes desta catalogación unha decena”, entre os que se atopa Castro Lupario.
A responsable socialista laiouse de que os veciños tiveron noticia do proxecto “cando xa estaba na súa fase final”, momento no que tamén foron coñecedores de que a declaración BIC de Castro Lupario fora paralizada no ano 2010.
Díaz destacou que “nin veciñanza nin concellos se opoñen á liña de alta tensión, pero si se cuestionan o trazado, que se sitúa sobre unha zona de excepcional valor”. Así, remarcou que estes solicitaron á Dirección Xeral de Industria unha alegación ao proxecto para pedir que se modifique. Malia isto, lamentou que os veciños de Rois “non teñen aínda hoxe ningunha nova deste proceso”.
Neste senso, a socialista instou a “axilizar” o procedemento para que Castro Lupario e a súa contorna sexan declarados BIC, xa que “de non facelo agora, non haberá volta atrás e a Xunta será responsable dun dano irreparable sobre o patrimonio arqueolóxico, artístico, cultural, histórico e ambiental de Galicia”, que “noutros países sería impensable”.