Elena Espinosa reivindica unha medida “digna e eficaz” que foi “finiquitada” por Rueda logo da pandemia e cando 636.000 galegos e galegas viven por debaixo do limiar da pobreza
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle ao goberno galego que recupere a Tarxeta Básica de axuda para produtos básicos de supermercado, hixiene ou farmacia e a implante “con carácter permanente”. Espinosa presentou esta proposta no Pleno do Parlamento de hoxe, pero que será votada na sesión de mañá mércores.
A responsable socialista reivindicou esta medida que axudaba a 75.000 galegos e galegas e que foi suprimida por Rueda en 2022 como unha das súas primeiras decisións de goberno. Trátase, explicou, dunha ferramenta “digna e eficaz”, reclamada de forma unánime polas asociacións que traballan no eido da erradicación da pobreza e a vulnerabilidade social, fundamental para cubrir as necesidades básicas das familias con carencias materiais severas.
Advertiu que a medida supón “un paso imprescindible pola dignidade das persoas, non só pola prestación en si, senón pola privacidade das medidas que a reciben e o seu poder contra a estigmatización”. Criticou que o goberno galego teña suspendido esta medida cando as familias aínda sufrían as consecuencias da invasión de Ucraína porque “non cren na execución real dos dereitos sociais” que mudan pola “caridade dos necesitados”.
Advertiu que o “fracaso” das políticas económicas, de fomento do emprego, de vivenda e de política social” baixo os gobernos do PP teñen “incrementado a fenda” social, consolidando a pobreza en Galicia, onde o 44,3 por cento da poboación ten dificultades para chegar a fin de mes e 636.000 galegos e galegas viven por debaixo do limiar da pobreza.
Lamentou o desleixo do goberno galego, que deixa sen executar os seus propios orzamentos e deixan que a pobreza se converta en estrutural e cando os cidadáns prívanse de necesidades básicas de alimentación para facer fronte ao pago da vivenda. Subliñou así o fracaso da xestión do goberno galego, que “agochou” 600 millóns de euros do Plan de Choque da Dependencia por parte do goberno do Estado nos anos 2020, 2021 e 2022.