Julio Torrado subliña o apoio do Grupo Socialista á Iniciativa Lexislativa Popular para reforzar a atención primaria, a máis apoiada da historia de Galicia, pero que foi rexeitada polo PP
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe ao goberno galego un “cambio de rumbo” na xestión da sanidade pública porque están “a piques de provocar un problema gravísimo e irreversible”. O Grupo Socialista apoiou a Iniciativa Lexislativa Popular para o reforzo da atención primaria presentada no Pleno do Parlamento, presentada co maior respaldo social da historia de Galicia, pero que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista emprazou ao PP e ao goberno galego a atender o “clamor social” que pide a reforma do sistema diante do “hastío cidadá, a desesperación dos profesionais e a propia sostibilidade do sistema”. Reclamoulle así á Xunta que asuma que “necesitamos cambiar de rumbo” tanto no modelo asistencial como no reforzo de persoal sanitario, para manter á cidadanía “identificada cun dos maiores logros” sociais e políticos, que é o sistema sanitario.
Torrado sinalou en primeiro lugar que “necesitamos outro modelo no que o médico non sexa o embudo”, cunha nova concepción multidisciplinar da atención sanitaria, para o que “necesitamos moitísimos profesionais” de tódalas categorías. Reivindicou así mellores condicións para os profesionais sanitarios, que “non teñen os recursos, a proxección nin a capacidade formativa que merecen”.
Advertiu que a falla de profesionais na atención primaria deriva da xestión “cicatera” do goberno galego, xa que malia que Galicia conta coa maior convocatoria MIR da especialidade da súa historia, este ano “van quedar libres máis prazas MIR de Familia que as renuncias do ano pasado en toda España: no é máis prazas, é mellores prazas”, concluíu.
Explicou que logo de dez anos de recortes con exercicios nos que o goberno de Rajoy só permitiu repoñer o 10 por cento dos profesionais médicos, este ano a taxa de reposición aumenta ata o 120 por cento. Sen embargo, con estas condicións Galicia non cubre o 20 por cento de pediatras, fronte ao 95 por cento de Asturias, o 98 por cento da Rioxa ou o 90 por cento de Castela e León.
Dixo que Galicia ten a segunda peor ratio de enfermeiros de España, a peor ratio de matronas e leva 7 anos sen convocar prazas de fisioterapeutas, e cando é a segunda comunidade autónoma con menos orzamento de atención primaria con relación ao conxunto do orzamento sanitario. Explicou que “nun mundo competitivo, un mozo formado en Vigo ten máis cerca Londres que Burela, e ademais cobra máis do dobre e ten máis recursos”.