Julio Torrado lamenta o voto en contra do PP a unha proposta para volver ao diálogo entre mexilloeiros e percebeiros e lamenta que “da a sensación de estar desfrutando con este conflito”
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe á Consellería do Mar que atenda á situación do mexillón e evite seguir impoñendo as zonas de recollida de cría. Torrado presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Pesca do Parlamento para pedir a volta ao diálogo antes da temporada de recollida da semente de mexillón que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista reclamou que “paren coa tolemia de impoñer pola forza” as zonas de recollida, que provocan a perda de mexilla nas rochas. Torrado emprazou ao goberno galego a volver ao momento previo á súa decisión unilateral de pechar as zonas de tradicional recollida de mexilla, alentando o conflito entre mexilloeiros e percebeiros.
Advertiu que dende a súa decisión, hai 4 anos, hai “menos cantidade de percebe e menos calidade de mexillón, e criticou que non queiran resolver o conflito “porque da a sensación de estar desfrutando con este conflito”. Urxiu á Consellería a volver á posición anterior ao conflito de cara á nova temporada de recollida na que, advertiu, a “cerrazón voluntaria da Xunta” provocará a “volta ao conflito”.
Advertiu que con esta decisión, o goberno galego optou por “dificultar a extracción e polo tanto non é posible criar con toda a calidade”, obrigando aos mexilloeiros a escoller entre deixar as cordas das bateas baleiras ou incorporar cría foránea e de menor calidade. O sector, dixo, está a ver que o produto é cada vez peor, e aínda así continúan con problemas de recollida de cría, aumentando custes e perdendo calidade.
Julio Torrado chamou á “sensatez” e reclamoulle á Xunta que deixe de “alimentar o problema” e busque unha solución dialogada entre as dúas partes en base a informes científicos propios que obviaron cando decidiron pechar e provocar o conflito por unha “decisión política”.
O parlamentario socialista criticou as acusacións de “electoralismo” vertidas hoxe pola portavoz do PP, á que lle lembrou que os propios portavoces do PP da Illa de Arousa saíran pedir a dimisión da conselleira do Mar a poucas semanas das eleccións municipais. Unha conselleira, lembrou, que foi apartada do seu cargo para ser presentada ás eleccións xerais pola única provincia galega sen costa.