Luis Álvarez urxe á Xunta a súa “implicación” na negociación do novo convenio colectivo dun sector que se atopa en condicións de “enorme precariedade”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, mantivo hoxe, xunto ás voceiras de Política Social e de Traballo do Grupo Socialista, Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta, unha xuntanza con representantes sindicais de UGT, CCOO e CIG tras anunciar, a partir do vindeiro 17 de marzo, a convocatoria de folga indefinida á que están chamadas 10.000 traballadoras e traballadores de residencias de maiores e centros de día privados de Galicia.
Neste contexto, Álvarez trasladou o “apoio” do Grupo Parlamentario Socialista á folga de persoal que denuncia condicións de “enorme precariedade” nas que o colectivo está a desenvolver un traballo “de carácter esencial” para a sociedade.
“Defendemos condicións de traballo dignas en canto a xornadas e retribucións laborais para as traballadoras e traballadores”, reivindicou o dirixente socialista, quen incidiu na necesidade de adaptar os cocientes de persoal ás “necesidades reais” das residencias, “unha cuestión que o PSdeG levou xa en diversas ocasións ao Parlamento” e máis tendo en conta que “a pandemia puxo de manifesto as fondas carencias do sistema”.
Por todo isto, o dirixente socialista pediu á Xunta de Galicia a súa “implicación” na negociación do novo convenio colectivo cando ademais “é o goberno galego quen financia moitos centros da terceira idade a través de convenios”.
“O Executivo galego non pode dar as costas ás traballadoras e traballadores de residencias de maiores e centros de día privados de Galicia, xa que realizan un traballo fundamental e as súas condicións de traballo repercuten directamente nunha mellor atención no benestar das persoas maiores”, concluíu o socialista.