Elena Espinosa alerta fronte ao “negacionismo de salón” co que o PP está a “abrazar” as teses da ultradereita “e poñendo en perigo a tódolos demócratas”
O portavoz do Grupo Socialista levará á primeira sesión de control do ano o desleixo do goberno galego para poñer fin ás desigualdades que teñen provocado por anos de austericidio e de ataques contra os servizos públicos
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, cualificou hoxe de “insultante” que o presidente da Xunta cuestionara onte a realidade dos asasinatos rexistrados durante o franquismo na que fora campo de concentración e exterminio da Illa de San Simón entre os anos 1936 e 1943. Logo da Xunta de Portavoces, alertou fronte ao “trumpismo á galega” do presidente da Xunta, que onte aludía a un suposto debate entre historiadores.
Espinosa aludiu á realidade histórica do franquismo, e advertiu fronte a este “negacionismo de salón” co que o PP e o presidente da Xunta están a ”abrazar as teses da ultradereita e poñendo en perigo a tódolos demócratas e aos que amamos e defendemos á democracia”. Emprazou ao presidente da Xunta a que deixe de “agochar as súas vergonzas parapetándose detrás de falsos debates” e reclamoulle que “asuma dunha vez a realidade da ditadura”.
Explicou que os socialistas galegos levarán ao primeiro Pleno do ano unha pregunta urxente logo das declaracións dun deputado do PP, que a semana pasada negou a existencia de fusilamentos na Illa de San Simón e que “nos leva a épocas pasadas do No-Do”. Lembrou que este feito coincide con que apenas un mes antes a propia vicepresidenta primeira do Parlamento intentara que a viceportavoz socialista Lara Méndez retirara da orde do día que Franco fora un ditador.
A responsable socialista advertiu que “afirmacións deste calado” reafirman a necesidade de “reparar a memoria das vítimas e recordar a nosa historia” como un “exercicio colectivo, cívico e democrático” imprescindible para “garantir a saúde” do sistema político.
Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana no que o portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, preguntaralle a Rueda pola falla de vontade do seu goberno á hora de “poñer fin ás desigualdades provocadas por anos de austericidio e de ataques contra os servizos públicos de Galicia” por parte dos gobernos do PP.
Reclamaralle ao presidente da Xunta que poña fin ás desigualdades “que queremos medir no campo da sanidade ou da educación”, así como do lugar de residencia, rural ou urbano, que agudiza as diferenzas entre a poboación galega. O portavoz socialista, explicou, poñerá o “mundo imaxinario” de Rueda e o PP fronte ao espello da realidade que viven día a día milleiros de galegos e de galegas”.
Comisión de Investigación
O Pleno do Parlamento comezará co debate do ditame da Comisión de Investigación do sobrecuste de 470 millóns de euros na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo provocado pola decisión do PP de mudar o modelo previsto polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, tal e como acreditou o Consello de Contas. Espinosa lamentou que a dita Comisión de Investigación “non serviu absolutamente para nada porque o PP non tivo a mínima intención” de que fora así.
Acusou ao PP de impedir aclarar “nada” sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro, ao tempo que negaron o acceso á información sobre os contratos da Xunta vencellados con xente relacionada co PP e sinaladamente co ex presidente Feijóo. Emprazou ao goberno galego a mirar para as máis de 62.000 persoas que se manifestaron en Vigo a semana pasada reclamando transparencia sobre esta xestión e o cumprimento do plan funcional e as previsións de camas e quirófanos no centro.
O Pleno incluirá tamén o debate de totalidade da Lei da CRTVG do goberno galego, á que os socialistas galegos presentaron unha emenda de devolución por canto supón un “ataque frontal ao pluralismo e á liberdade de información” que vai contra a normativa europea de liberdade de medios de comunicación. Acusou ao PP de “consolidar un modelo no que os medios públicos sexan un instrumento de propaganda ao seu servizo e non ao servizo dos galegos e das galegas”.
Os socialistas levarán ademais unha moción para reclamarlle á Xunta un novo modelo de residencias de maiores públicas e de calidade, garantindo as condicións e dereitos dos e das profesionais. Tamén incluirá dúas proposicións non de Lei para que explique e lle remita ao Parlamento a proposta de creación da Fundación Pública da Ciencia de Galicia e que garanta a xestión pública e directa do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade de Ourense.
Tamén presentarán dúas preguntas orais sobre as listas de espera no Hospital Álvaro Cunqueiro e a caída da produción marisqueira nas rías galegas, ademais dunha interpelación sobre a problemática que afecta ao sector lácteo e a necesidade da constitución dun foro de colaboración e escoita co sector.
En resposta a preguntas dos xornalistas, criticou o “retraso de 20 anos” por parte da Xunta para presentar un novo plan eólico, que chega “tarde e arrastro” logo de décadas de Bandazos”, aprazando e incrementando a inseguridade xurídica que ten provocado a paralización de case 70 parques eólicos. Urxiu ao goberno galego a que se tome en serio a necesidade de dotar ao sector de seguridade xurídica e de avanzar na loita contra o cambio climático.