Leticia Gallego esixe “solucións con financiamento suficiente” para afrontar a seca en Galicia
A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta “solucións con financiamento suficiente” para afrontar a seca en Galicia. A responsable socialista cualificou de “broma” a partida de 600.000 euros anunciada pola Xunta para erradicar as fugas de auga que, lembrou, apenas supón 1.900 euros para cada un dos 313 concellos de Galicia.
“Que me diga alguén que se arranxa con 1.900 euros”, resumiu a responsable socialista antes de reclamarlle ao goberno galego que elabore un Plan de Seca “con financiamento suficiente para que os concellos poidan erradicar o gran problema da falla de abastecemento de auga”. Reclamou tamén un mapa de capacidades dos recursos hídricos de Galicia como primeiro paso para tomar medidas eficaces fronte a este problema que xa é reiterado nesta Comunidade Autónoma.
Gallego lembrou que a seca deste ano vivírase antes en Galicia nos anos 2013 e 2017, tamén co PP no goberno de Galicia, e “daquela non se fixo absolutamente nada” máis alá de “botar balóns fora” fronte a un problema que “é competencia da Xunta” porque, dixo, do contrario “o ano que vén poderíamos estar outra vez co mesmo problema”.
Concellos
A responsable socialista afeoulle ao presidente da Xunta que a súa única resposta ao problema, cando cada vez máis concellos teñen que asumir restricións no subministro de auga, fora “dicirlles que o solucionen eles”. Explicou que a situación “non se arranxa enviándolle unha carta aos alcaldes” e, dixo, “xa está ben de recomendacións, queremos solucións con contido, de calado e con financiamento”.
Lembrou que quen o presidente da Xunta é quen conta coas competencias outorgadas polo Estatuto de Autonomía, e polo tanto é el quen “ten que darlle solucións” ao “gravísimo problema da seca”.