Begoña Rodríguez Rumbo advirte que Rueda “perde a única oportunidade que tiña de exercer como presidente da Xunta”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, advertiu hoxe que o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2024 “constatan que o proxecto da Xunta encabezada por Rueda está totalmente esgotado”. Así o dixo logo da reunión da Xunta de Portavoces que se reuniu hoxe para fixar o calendario de trámite das contas para o próximo ano que foron enviadas hoxe á Cámara autonómica.
Rodríguez Rumbo advertiu que Rueda vén de “perder a única oportunidade que tiña de exercer como presidente da Xunta” nos últimos Orzamentos antes das próximas eleccións autonómicas previstas para o ano 2024. Lamentou que o goberno galego se teña demostrado “incapaz de presentar solucións reais aos problemas da cidadanía galega” nunhas contas que persisten “nas mesmas receitas” e polo tanto “repiten as mesmas eivas”.
Explicou que o proxecto de Orzamentos para 2024 consolida as rebaixas fiscais para os máis ricos e fallan á hora de artellar medidas que impacten no benestar da cidadanía, ademais de malograr unhas transferencias históricas dende o Estado dende a chegada de Sánchez ao goberno central en 2018. Lamentou que estas contías históricas “non están a ser xestionadas coa eficacia e eficiencia precisas para mellorar a vida das persoas e o sistema produtivo do país”.
Subliñou que non melloran a sanidade e a educación públicas, así como tampouco melloran as prestacións de servizos sociais. Criticou que estes orzamentos manteñen conxelado do Fondo de Cooperación Local dende 2009, ademais de que evitan asumir a totalidade do custe do ensino infantil de 0 a 3 anos ou do Servizo de Axuda do Fogar, cando se trata de dúas competencias da Xunta que ten derivado nos Concellos.
Tampouco achegan unha contía suficiente para atender ás persoas dependentes malia que Galicia é unha das comunidades autónomas cun peor financiamento da dependencia e, en definitiva, “non están a atender aos fogares que peor o están a pasar”. Lamentou a falla de impulso nos servizos sociais cando a Rede Europea de Loita contra a Pobreza vén de alertar de que hai 636.000 galegos e galegas en risco de pobreza, o 23,6 por cento de toda a poboación.
Rodríguez Rumbo sinalou que as contas do próximo ano fracasan á hora de impulsar un sector económico lastrado por unha xestión desastrosa dende a chegada do PP ao goberno galego, que provocou a perda de 40.000 empregos no sector industrial e o peche de 7.118 empresas en Galicia.
Anunciou que os socialistas presentarán unhas orzamentos alternativos a través dunha batería de emendas que serán presentadas en canto comece o trámite orzamentario co obxectivo de “mellorar a vida das persoas e dos sectores produtivos de Galicia”.
Unha poboación, dixo, que ten que asumir as consecuencias da xestión do PP, que multiplicou por 2,5 a débeda pública dende a chegada de Feijóo e Rueda á Xunta, e que neste exercicio non aumentarán polo cumprimento dunha medida fiscal de obrigado cumprimento para tódalas comunidades autónomas.