Carmen R. Dacosta alerta de que Galicia vén de rexistrar o terceiro maior crecemento do desemprego do Estado, unido á perda de cotizantes en contra da tendencia de incremento nacional
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou hoxe de que a suba do desemprego en Galicia “está a dar a medida do fracaso das políticas de emprego do goberno galego”. Dacosta presentará na Comisión de Emprego do Parlamento que se celebra mañá unha proposta diante da “alarmantemente baixa execución orzamentaria” nas políticas activas de emprego.
A parlamentaria socialista sinala que o goberno galego deixou sen gastar 2.184 millóns de euros en políticas activas de emprego entre os anos 2009 e 2023, case 6 de cada 10 euros dispoñibles, o que fai “imposible que o crecemento de emprego en Galicia teña outras cifras”. Ironizou sinalando que “grazas á xestión ineficaz do goberno galego en materia laboral, Galicia ten o triste mérito de ser a terceira Comunidade Autónoma con máis desemprego do Estado.
Advertiu que no mes de setembro o desemprego aumentou un 0,12 por cento de media en España, mentres que en Galicia disparouse ata o 1,95 por cento e, segundo os datos coñecidos hoxe. Ademais, a Seguridade Social perdeu en Galicia de 7.040 cotizantes en setembro, cando no conxunto do Estado medrou un 0,04 por cento, e máis da metade dos fogares galegos -un 52,22 por cento-, aseguran que teñen dificultades para chegar a fin de mes.
Esixiulle ao goberno galego que “utilice as competencias e as ferramentas que ten á súa disposición” para tratar de reverter a situación e acadar un crecemento robusto do emprego. Advirte que “ano tras ano demostran que non son quen de executar os fondos destinados ao emprego”, optando por “non facer nada fronte ao menor dinamismo do mercado laboral en Galicia”, co que “semella que nin o emprego nin o paro lles importan o máis mínimo”.
Dacosta esixiralle ao goberno galego, na Comisión de Emprego que se celebra mañá, que ofrezan unha explicación dos datos alarmantes de execución orzamentaria. Explica que na primeira metade do ano deixaron sen executar o 78 por cento das partidas para formación profesional de empregados, o 73,5 por cento das partidas para fomento da empregabilidade e o 70 por cento do programa de mellora da cualificación do emprego.