Leticia Gallego censura o “desleixo” da Xunta co sector ao que lle “deu as costas” e cando as axudas autonómicas foron “meros parches”
O Grupo Socialista, encabezado polo seu voceiro e secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e os deputados socialistas Leticia Gallego e Martín Seco, reuniuse, hoxe, nas instalacións do grupo no Pazo do Hórreo, coa asociación de Hostalería Federada Galega (HOSFEGA) para abordar a situación actual do sector e trasladarlles o seu apoio.
Trala xuntanza, a voceira de Hostalería do Grupo Socialista, Leticia Gallego, censurou a actitude de “desleixo” da Xunta de Galicia que, “ante unha situación crítica e de excepcionalidade, deu as costas” a un sector que se atopa “coa auga ao pescozo” logo de “asumir, durante moitos meses, peches, reducións de horarios e tamén aforamentos” a causa da covid.
Neste marco, “as axudas do goberno galego son meros parches”, censurou a socialista, quen reiterou que a Xunta ten que levar a cabo un plan de rescate “ambicioso” para a hostalería. Así, lembrou que, durante os últimos meses, o PSdeG levou ao Parlamento unha baterías de iniciativas neste senso para “respaldar” a un sector que se atopa “afogado”.
“Onde están os 224 millóns de euros que, o ano pasado, a Xunta ía achegar para compensar a caída económica? Onde se atopan os 441 millóns de euros en axudas para a cohesión de territorios que enviou a Unión Europea este ano? Por que teñen bloqueados os 234 millóns de euros en axudas directas para pemes e autónomos que transferiu hai 45 días o goberno de España á Xunta?”, cuestionou Gallego, ao tempo que urxiu ao goberno galego “moitos máis recursos” para o sector.
Por último, a responsable socialista pediu ao executivo autonómico “que se reúna xa” con esta federación de hostaleiros que conta con máis de 4.000 empresarios e suma a 14 asociacións, xa que “non é tolerable que non escoiten a un colectivo tan importante para a nosa economía” cando estamos a vivir unha “crise de enorme envergadura”.