Luis Álvarez anuncia que o Grupo Socialista renuncia a presentar emendas e non votará a favor da Lei
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, anunciou hoxe a retirada do apoio á Lei do Litoral presentada pola Xunta na Cámara autonómica pola decisión unilateral do PP de furtar o debate parlamentario. O responsable socialista sinala que o Grupo Socialista renuncia a presentar emendas e non votará a favor da dita Lei.
Así o dixo logo de que o pasado luns o PP impuxera a súa maioría na Mesa do Parlamento para reducir á metade os trámites no debate parlamentario da dita Lei, unha modificación imposta “pola porta de atrás” co obxectivo de entorpecer o debate dunha norma que afecta a un sector, o mar industria, do que dependen 40.000 familias galegas. Advirte que “nin compartimos nin entendemos a repentina urxencia do PP e da que carecía no momento en que o texto foi presentado”.
Acusa ao Grupo Popular de “secuestrar o debate parlamentario” e “limitar a capacidade lexislativa da Cámara autonómica”, negándolle a súa verdadeira natureza como Cámara lexislativa e ao mesmo tempo “ninguneando á soberanía popular que nela reside”.
Lembra que os socialistas galegos teñen manifestado o seu apoio ao trámite parlamentario desta norma, pero “condicionado a un debate de fondo que permitira garantir a seguridade xurídica” para un sector fundamental para a economía e a sociedade galegas. Entende que a decisión do PP de “esquivar” o debate parlamentario “constitúe unha ofensa á man tendida polo Grupo Socialista para facilitar un debate en positivo co único obxecto de mellorar a Lei”