O PSdeG acadou a unanimidade no Parlamento para que o Goberno galego prime o emprego de produtos quilómetro cero nas contratacións para os comedores públicos
Os deputados Patricia Iglesias, Julio Abalde e Silvia Longueira apoiaron na súa visita á feira aos produtores locais
Os deputados socialistas Patricia Iglesias, Julio Abalde, e Silvia Longueira reivindicaron hoxe no Forum Gastronómico de Galicia, que se celebra na Coruña, os produtos locais polo seu potencial económico para a comunidade e o seu maior respecto ao medio ambiente. Durante a súa visita á feira, Iglesias recordou que hai escasamente un mes o Parlamento autónomo aprobou unha iniciativa do Grupo Socialista a través da que se insta á Xunta a valorar os produtos de proximidade nas súas contratacións para comedores e servizos de cátering, como son os dos centros escolares, hospitais e residencias públicos.
A deputada defendeu que o obxectivo do PSdeG non é só apoiar as economías locais, senón que tamén se trata “dunha cuestión medioambiental”, posto que se reduce a pegada de carbono que deixan os alimentos. “Nos, as e os socialistas de Galicia, cremos nos produtos da nosa terra, pola importancia do noso sector primario, no que somos unha potencia, e polos beneneficios que teñen sobre o medio ambiente”, engadiu. Por iso, “a Xunta non pode mirar para outro lado”, afirmou.
Abalde, como portavoz socialista de educación e de pesca na Cámara galega, sinalou a importancia de que os alimentos de quilómetro cero cheguen aos comedores escolares, “onde as rapazas e os rapaces aprenden os hábitos alimenticios”. Destacou, ao mesmo tempo, os beneficios de que nenas e nenos “se acostumen a comer peixes peixes, pero peixes galegos”. “É crucial que a Xunta poña especial interese en que alí se consuman produtos de proximidade, e non só os procedentes da agricultura e da gandería, senón tamén os da pesca”, insistiu.
De feito, o Grupo do PSdeG impulsou tamén diversas iniciativas nas que se reclama que as capturas dos barcos galegos teñan unha maior presenza nos menús que se serven nas escolas e nos colexios. “Estamos aquí para apoiar a toda esta xente e empresas vinculadas aos produtos da nosa terra, que forman parte esencial do futuro económico de Galicia, e traballaremos para que estes emprendedores sigan contribuíndo á economía que necesitamos en Galicia”, insistiu o deputado socialista.