Carlos López Font sinala a “falla de credibilidade” do goberno galego, que só ten posto en marcha 1.700 vivendas das 20.000 que comprometeron
Propón a creación dun Banco Público de Alugueiro para comezar por mobilizar en torno a 5.000 vivendas
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, dixo hoxe que a política de Vivenda da Xunta é “unha declaración de intencións” sen base real. O responsable socialista interveu na comparecencia da conselleira de Vivenda no Pleno do Parlamento, á que lle lembrou que nos últimos 15 anos deixaron sen executar 270 millóns de euros en políticas de vivenda porque no quixeron exercer as súas competencias.
López Font advertiu que os anuncios do goberno galego nacen lastrados polo seu “problema de credibilidade” pola xestión de 15 anos nos que apenas puxeron no mercado 6.000 vivendas públicas, con etapas “moi negativas” como entre os anos 2015 e 2019, nas que apenas construíron 20. Estas cifras, dixo, non soportan a comparativa co goberno do socialista Pérez Touriño, que en só 4 anos construíu 7.241 vivendas.
Ademais, engadiu que a súa xestión “non augura nada bo”, cando o presidente da Xunta prometía 20.000 vivendas de protección oficial para o ano 2028, pero nos últimos 10 meses apenas teñen posto en marcha 1.700.
Reclamoulle que “abandonen a confrontación radical cos discrepantes” e sigan o exemplo do Estado, que sen ter competencias en materia de vivenda ten comprometidos 526 millóns de euros ata 2025 que permitirán a construción de 1.406 vivendas de alugueiro social e a rehabilitación de máis de 18.000 vivendas.
Banco Público de Alugueiro
O responsable socialista propuxo a creación dun Banco Público de Alugueiro que funcione como mediador establecendo garantías e seguridade xurídica para os propietarios e prezos xustos para os inquilinos, e que permitiría mobilizar en torno a 5.000 vivendas. Reclamoulle ao goberno galego que adopte este modelo, que leva funcionando 22 anos en Euskadi e polo que actualmente ofrecen 7.400 vivendas de alugueiro a un prezo taxado e asequible.
Reivindicou as políticas de alugueiro mentres o goberno galego fía “todo” á construción de vivenda nova, recuperando o “camiño do salvaxe libre mercado” de Aznar e Rato, que derivou nun “fracaso evidente” que “funcionou para uns poucos e afundiu a miles de familias”. Advertiu que as familias que non poden permitirse comprar unha vivenda tamén necesitan poder optar a un alugueiro en condicións.
Advertiu que a obsesión pola construción de vivenda nova do goberno galego non ofrece ningunha solución para as 18.000 familias apuntadas no Rexistro de Demandantes de vivenda de protección, que continuarán aumentando de seguir por este camiño. Concluíu que “se non adoptan medidas como as que propoñemos, terminaremos a Lexislatura con máis demandantes, un problema social maior e moitas vivenda construídas que non se puideron vender”.