Begoña Rodríguez Rumbo anuncia que o PSdeG tamén lle pedirá á Xunta no próximo pleno que active un plan estratéxico de acceso á vivenda dotado coa mesma cantidade que pon o Estado para o Bono Alugueiro Xove en Galicia
A vicevoceira do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, explicou hoxe que o Grupo Socialista preguntaralle ao presidente da Xunta no vindeiro pleno do Parlamento sobre as medidas que ten previsto poñer en marcha para axudar a colectivos vulnerables en Galicia.
Nesta liña irá a pregunta a Alfonso Rueda na sesión de control e tamén unha proposición non de lei para instar ao goberno galego a elaborar, no primeiro semestre deste ano, un plan de actuación contra a pobreza e a exclusión social. Ese plan, que debe contar con orzamento, prazos e medidas concretas e medibles, ten como obxectivo reverter a preocupante situación dos fogares galegos pola crise económica derivada da pandemia e da guerra de Ucraína. Tamén se lle pide á Xunta que reactive de maneira inmediata a Tarxeta Básica.
Begoña Rodríguez Rumbo incidiu na necesidade de adoptar medidas, sobre todo cando neste preocupante escenario “a única medida de calado do presidente da Xunta” é retirar a Tarxeta Básica, o que resulta “paradoxal” e contravén todas as medidas que poidan artellarse como axuda para os sectores máis vulnerables. “Rueda”, lamentou a vicevoceira socialista, “deixa sen unha axuda fundamental para a compra de alimentos e produtos de farmacia ou hixiene a 75.000 familias”.
Ao mesmo tempo, chamou a atención sobre o feito de que o presidente da Xunta trate de vender como propio o bono alugueiro xove, que está financiado ao 100% por fondos procedentes do Estado. En virtude deste programa Galicia recibirá 22,5 millóns de euros, mentres que a Xunta “non pon nada”. Por iso, no pleno tamén se presentará unha proposición non de lei para reclamarlle ao goberno galego que active un plan estratéxico para o acceso á vivenda da mocidade cunha contía igual á que pon o goberno do Estado.
SUFICIENCIA FINANCEIRA PARA OS CONCELLOS GALEGOS
Por outra banda, Begoña Rodríguez Rumbo explicou que o Grupo Socialista presentará unha interpelación con respecto da autonomía e suficiencia financeira das entidades locais. Tras lembrar que o novo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia se declara “un municipalista convencido”, a deputada socialista agarda que Diego Calvo aclare cal é o seu nivel de compromiso cos concellos galegos e se a Xunta vai asumir que as entidades locais non están suficientemente financiadas.
Nesta liña, lamentou que durante os 13 anos de goberno do PP, a Xunta non incrementou “nin un so euro” as cantidades do Fondo de Compensación Local. “Son, ano tras ano, os mesmos 113 millóns de euros”, lembrou.
SOCORRISTAS, TRANSPORTE ESCOLAR E EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL
A maiores, no vindeiro pleno, o Grupo Socialista suscitará tres preguntas. Unha delas versará sobre a falta de socorristas en pleno verán debido ás novas esixencias da Xunta de Galicia. Begoña Rodríguez Rumbo demanda coñecer se o goberno galego baralla algunha medida urxente para paliar esta situación e propiciar a cobertura de prazas, unha situación que ademais “deriva en problemas de risco para a vida das persoas ante posibles accidentes”.
Tamén se cuestionará á Xunta sobre as inspeccións e o seguimento da prestación do servizo de transporte escolar, ante as eivas que se están a detectar. Esta circunstancia, que suscita numerosas queixas, fai que se produzan casos nos que os rapaces e rapazas chegan tarde aos seus centros ou, incluso, nin sequera son recollidos polo autobús na parada.
Neste contexto, “pedímoslle á Xunta que sexa consciente de que non so hai que adxudicar o servizo, senón que ten que haber un seguimento e control”. Esta necesidade é “cando hai numerosas protestas e non se poñen medidas para arranxar os problemas”.
Por último, Begoña Rodríguez Rumbo tamén explicou que se preguntará sobre a educación afectivo-sexual nos centros galegos co fin de previr abusos e violencia. Nun contexto de crecente LGTBIfobia e de moitas agresións sexuais contra nenas, incluso menores de idade, “todos os expertos coinciden en que o problema fundamental está na falta de educación neste eido”. Tamén advertiu sobre e a forma que teñen os mozos de informarse cara a sexualidade, que se fai mediante pornografía. Por iso, cómpre que se poñan os recursos necesarios para que esta información se traslade de maneira eficaz en todos os centros educativos.
MOCIÓN SOBRE MEDICINA INTERNA
Ademais, o Grupo Socialista tamén levará ao vindeiro peno unha moción sobre os servizos de medicina interna en Galicia. Con esta proposta instarase á Xunta a que, entre outras medidas, realice unha convocatoria extraordinaria, á maior brevidade, de prazas estables para facultativos especialistas en medicina interna que cubran parcialmente as demandas máis urxentes de persoal dos diferentes servizos de medicina interna de Galicia, con atención ás necesidades de cada área sanitaria.