Begoña Rodríguez Rumbo esíxelle á Xunta que execute “na súa totalidade” os orzamentos destinados a políticas de vivenda, emprego e loita contra a pobreza
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que elabore un Plan de Actuación contra a pobreza e a exclusión social no primeiro trimestre de 2023. A responsable socialista esixiu “orzamentos, prazos e medidas concretas e medibles” neste Plan acordado cos grupos parlamentarios e os axentes económicos e sociais.
Rodríguez Rumbo presenta esta iniciativa fronte a un Goberno galego “indolente”, que logo de incrementar os Orzamentos en 1.239 millóns de euros “anuncia unha baixada de impostos sen complexos aos máis ricos mentres retira a tarxeta básica para as familias que máis o necesitan”. Lembra que aquela medida permitiu evitar que 127.000 galegos e galegas entraran en risco de pobreza no ano 2021, segundo a Rede Europea contra a Pobreza.
De acordo con ese informe, 1 de cada catro galegos e galegas están actualmente en risco de pobreza ou exclusión social, en torno a 678.000 persoas que viven ao límite despois dun proceso de empobrecemento agravado especialmente para as mulleres galegas. Lembra que os datos publicados polo IGE apuntan que Galicia ten 50.800 fogares con tódolos seus membros en paro, e 24.700 nos que non entra ningún ingreso.
Neste contexto, critica que o presidente da Xunta se atreva a presumir diante dos empresarios da Asociación de Fabricantes e Distribuidores -Aecoc- que “Galicia baixa impostos sen complexos, porque sempre é moito mellor baixalos que subilos”. Rodríguez Rumbo lembra que esa mesma falta de complexos levou por diante á primeira ministra do Reino Unido, que tivo que dimitir logo de anunciar unha baixada xeneralizada de impostos que lanzou á libra esterlina e os bonos de débeda pública en caída libre”.
Os socialistas galegos, apunta, veñen de presentar diversas emendas aos orzamentos da Xunta para reclamar tanto a recuperación da tarxeta básica como a renuncia a baixar as bonificacións fiscais aos máis ricos, aos que lles reduce o imposto do Patrimonio para “regalarlles” en torno aos 4.500 euros ao ano, o que suporá 35 millóns de euros menos na recadación de cartos públicos.
A responsable socialista reclamoulle á Xunta que execute na súa totalidade os orzamentos destinados tanto ás políticas de vivenda como ás políticas activas de emprego como á loita contra a pobreza. Tamén pediu que elabore un estudo no que valoren as repercusións económicas e sociais que supón a situación actual da pobreza e a exclusión social en Galicia.