Carmen R. Dacosta propón un programa de inserción laboral para mellorar a cualificación dos desempregados e urxe un plan de Execución orzamentaria logo de que a Xunta deixara sen gastar 2.184 millóns de euros en políticas de emprego dende 2009
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe ao goberno galego que “reformule as políticas activas de emprego” logo de 15 anos dunha xestión “deslabazada, sen análise nin diagnose” das necesidades do tecido económico. Dacosta presentou unha proposta no Parlamento para reclamar un programa de inserción laboral e un plan de Execución orzamentaria, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego unha verdadeira planificación estratéxica e que deseñen as directrices en materia de políticas activas de emprego e intermediación laboral, e reprochoulles que “vivan alleos” á peor evolución do mercado laboral en Galicia. Advertiu que a Consellería de Emprego segue sen acadar unha diagnose da perda e poboación ocupada e a baixa calidade do emprego e sega sen analizar as necesidades formativas da poboación en idade laboral.
Sinalou que Galicia é a quinta Comunidade Autónoma que menos emprego crea, cunha taxa de actividade seis puntos por debaixo da media estatal -53 por cento fronte ao 58,9-, e o número de ocupados medra a un ritmo oito veces inferior que o Estado, xa que en España medraron un 2 por cento fronte ao 0,3 da Comunidade Autónoma. Acusou ao goberno galego de “mirar para outro lado” mentres Galicia perde 7.600 universitarios por 3.500 que entran nesta Comunidade Autónoma.
Carmen R. Dacosta reclamoulle ao goberno galego un programa de inserción laboral para desempregados que teña en conta a formación e as necesidades do tecido laboral para “mellorar a súa empregabilidade e a súa cualificación”.
Ademais, esixiulle á Xunta que analice as causas da súa falta de execución orzamentaria e poña enriba da mesa un Plan de Execución Orzamentaria consensuado coas organizacións sindicais, logo de lembrar que deixaron sen gastar 2.184 millóns de euros dos 6.253 asignados ás políticas activas de emprego nos seus propios orzamentos dende o ano 2009. Considera “inxustificable” que deixaran sen gastar un de cada tres euros destinados ás políticas de emprego.