Patricia Iglesias alerta da “situación crítica” no centro provocada polos “recortes en educación” aplicados polo goberno galego
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe ao conselleiro de Educación que escoite á comunidade educativa do CEIP Bergantiños de Carballo e reforce o profesorado de apoio. Iglesias presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento sobre a situación do centro que están a denunciar as familias a través da Anpa A Granxa, que hoxe acudiron ao Parlamento a seguir o debate e mantiveron un encontro co portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro.
Advertiu que o 35 por cento dos 575 estudantes do centro presentan necesidades educativas especiais ou necesidades específicas que requiren apoio educativo, e precisan polo tanto dunha atención especializada Que non está a ser proporcionada de maneira adecuada”. Reclamou así a incorporación dun segundo orientador, o incremento do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe e a redución de ratios e incremento das horas de apoio.
A responsable socialista, que foi alumna desta escola, reclamou “protexer e coidar” a educación pública para que sexa “forte, inclusiva e accesible para todos e todas”, porque “non é un gasto, é o maior investimento que podemos facer” de cara ao futuro. Acusou ao PP de “mirar para outro lado” ao absterse en Carballo da moción aprobada no Concello o pasado 19 de decembro que foi aprobada co voto favorable do PSdeG.
Esixiulle ao goberno galego que “non se escude na soberbia, o paternalismo e o cumprimento dos números, ratios e catálogos” porque os alumnos e as alumnas, así como as súas familias, “son persoas con dereitos”, mentres o PP “vota en contra de atender ás solicitudes lexítimas da comunidade educativa do colexio Bergantiños”.