Paloma Castro insta a seguir a folla de ruta da concordia, convivencia, pluralismo político, defensa dos dereitos humanos, cultura da paz e igualdade marcada pola Lei de Memoria Democrática publicada hoxe no BOE
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, lamentou hoxe a negativa do PP a apoiar unha proposición non de Lei para asignar unha partida orzamentaria á recuperación da memoria histórica dos galegos e galegas dando cumprimento á nova Lei de Memoria Democrática, que foi publicada hoxe no BOE. Castro urxiu a reactivar o compromiso do goberno galego cos represaliados no franquismo, paralizado dende a chegada do PP á Xunta en 2009.
A responsable socialista instou a Xunta e PP a seguir a “folla de ruta” que marca a nova Lei, fundamentada nos principios de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. Emprazou ao goberno galego a confirmar o seu compromiso cos valores democráticos da concordia, a convivencia, o pluralismo político, a defensa dos dereitos humanos, a cultura da paz e a igualdade, tal e como figura na Lei de Memoria Democrática.
Castro lembrou as palabras do avogado socialista pontevedrés Gonzalo Adrio, “sen odio, sen rencor, pero o recordo vivo” para defender a memoria histórica fronte ao esquecemento que o PP impuxo no goberno central durante a etapa de Rajoy e leva impoñendo en Galicia primeiro con Feijóo e agora con Alfonso Rueda. Sinalou que a Memoria Democrática “supón un instrumento fundamental para pechar unha débeda da democracia española co seu pasado”.
Emprazou ao PP e ao goberno galego a apoiar estas iniciativas, porque “Galicia non pode quedar atrás novamente e conformarse coas partidas finalistas que chegan do Estado para a localización e a exhumación de fosas”. Reclamou “unha partida orzamentaria propia dedicada a implementar políticas que dean cumprimento a este novo mandato legal” porque, dixo, “a memoria é un dereito, un dereito da cidadanía e sobre todo un dereito das vítimas e as súas familias”.
A proposta presentada hoxe na Comisión de Xustiza do Parlamento reclamaba un Plan 2023 – 2027 para a recuperación da memoria histórica de Galicia “en concordancia co establecido na Lei de Memoria Democrática”. Este documento debera marcar as iniciativas nesta materia que sexan impulsadas dende o goberno da Xunta nos próximos anos, “con especial referencia ao papel das mulleres galegas na loita pola liberdade e a democracia”.
Castro reclamou unha partida específica nos orzamentos do ano 2023 para a recuperación da memoria histórica dos galegos e das galegas, co fin de dar cumprimento ao establecido no novo texto. Así o dixo nunha intervención que comezou subliñando a coincidencia da publicación da Lei de Memoria Democrática e o aniversario do anuncio do fin da banda terrorista ETA “grazas á concordia e ao diálogo” e malia o uso do terrorismo “como arma política” por parte do PP ata o día de hoxe.