Paloma Castro denuncia que o Goberno galego “pretende afogar aínda máis aos concellos e á veciñanza” mentres lles reduce o imposto de Patrimonio aos máis ricos
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que manteña a bonificación do 10 por cento no canon do lixo a 167 concellos adscritos a Sogama. A responsable socialista sinala que a decisión do goberno galego supón “afogar aínda máis aos concellos e á veciñanza” nun momento de crise de prezos e “pola contra enriquecer a unha eléctrica como Naturgy”, titular do 49 por cento de Sogama.
Castro sinala que a decisión é “totalmente insolidaria” e “contraria” aos principios medioambientais que priman a redución do lixo fronte á valorización enerxética ou a incineración, polo que “debera ser revertida manteno a bonificación” que se prorrogou durante os últimos 3 anos. Esta decisión suporá que un aumento da recadación para o mesmo goberno que vai renunciar a 30 millóns de euros de recadación pola redución do imposto do Patrimonio aos máis ricos.
Esta medida, incluída a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos da Xunta, foi xustificada polo incremento dos custes de luz e gas para Sogama, agochando que precisamente o aumento dos prezos reportaranlle un aumento do 81 por cento nos ingresos pola venda de enerxía, dende os 55 ata os 99,7 millóns de euros.
Sinala que, ao tratarse dunha sociedade mixta, un 51 por cento é titularidade da Xunta, que coa supresión da bonificación fará que 167 concellos pasarán a pagar de 59,4 a 66 euros por tonelada de lixo, que vai repercutir indefectiblemente na factura de 1,3 millóns de veciños.
Estes concellos estaban a recibir a dita bonificación por cumprir os compromisos de redución de volume de lixo e envases lixeiros e por rebaixar a factura dos veciños e das veciñas, e cumprindo polo tanto cos seus deberes medioambientais.