Julio Torrado advirte que “quen demostrou ser un machista retrógrado” non pode dirixir o fútbol galego e pregunta “onde máis ten que estar inhabilitado para que se libren dese lastre”
O portavoz de Deporte do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta que lle “amose a porta de saída” ao actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. Torrado presentou no Pleno do Parlamento unha proposición non de Lei a raíz do caso Rubiales para “axudar a limpar as estruturas caducas que aínda quedan no deporte galego”.
A iniciativa, que será votada mañá, pídelle á Xunta que se dirixa formalmente á Federación Galega de Fútbol para reprobar as “actitudes machistas e impropias do seu presidente e ao seu respaldo á conduta do señor Rubiales”, por moito que “logo de aplaudir” ao ex presidente da Federación Española de Fútbol, “agora se presente como adalid de despedilo”, despois de que aquel presentara a súa renuncia por bicar sen permiso a unha xogadora da selección feminina de fútbol.
O responsable socialista reclámalle á Xunta que lle solicite á FGF que substitúa ao seu presidente polas “actitudes e valoracións favorables ao comportamento” de Rubiales e que o denuncie para tomar “as medidas axeitadas coniforme á lexislación deportiva vixente”. Torrado sinalou que “non sei quen lle debe que, que é o que sabe, que información ten, que débedas ten e onde máis debe estar inhabilitado para que se libren dese lastre”.
Sinalou que o tamén ex presidente da Deputación de Pontevedra, inhabilitado para exercer cargo público durante 7 anos por prevaricación, representa “os rescoldos das esquinas máis escuras e lamentables do PP”. Emprazou ao goberno galego a “pular polo cambio e axudar a que ter gañado unha batalla non nos faga perder a guerra”, citando á ex futbolista galega Vero Boquete.
Criticou que o PP intente amparar un “xogo das cadeiras e que acabe non pasando nada”, logo de que a portavoz daquel grupo citara hoxe que “Rubiales dimitiu e fin da historia”. Emprazounos a tomar medidas porque “non vale escusa” diante dunha realidade na que “un dirixente crese coa capacidade de acosar a unha traballadora sexualmente, onte no fútbol e hoxe cunha xornalista”, aludindo ao acoso a unha xornalista emitido hoxe en directo.
O responsable socialista pediu hoxe actualizar a Lei do Deporte de Galicia, aprobada en 2012, para “impulsar e promover a igualdade real entre homes e mulleres dentro do ámbito do deporte” fronte á situación de desigualdade coñecida hai anos pero que se pechara “en falso” e “con consecuencias sobre as mulleres que denunciaban casos moi graves”. Tamén reclamou en concreto a nulidade das cláusulas anti – embarazo nos contratos a mulleres deportistas.
Feminismo
Julio Torrado emprazou ao PP e ao goberno galego a aplicar as ensinanzas do femnismo, que demostrou “a necesidade de avanzar, que entendéramos o mal que xeramos, o desagradables e o idiotas que fomos”. Así o dixo logo de recoñecer que “todos fomos imbéciles algunha vez, todos dixemos o que non debíamos, rimos de gracias que non debíamos ou vimos cousas inadecuadas e non fixemos nada”.
Chamou a demostrar “valores fundamentais” sinaladamente aos persoeiros con “responsabilidades, imaxe e posición” para xerar máis impacto, como o caso de “políticos, presidentes de federacións ou deportistas”. Pediu o compromiso e traballo conxunto para “facer unha sociedade mellor, fronte á “xente que non aprendeu e que pretende facer ver que non debe aprendelo, intentando facernos pasar por idiotas aos demais”.