Paloma Castro insta ao goberno galego a asumir a tutela do pósito para convocar eleccións parciais e completar as vacantes nos órganos de goberno
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, emprazou hoxe ao goberno galego a iniciar unha investigación formal para clarificar a situación “insostible” da Confraría de Vilanova de Arousa. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca na que lle reclamou á consellería que asuma a tutela do pósito e convoque eleccións parciais para cubrir as vacantes nos órganos de goberno, que veñen de rexistrar hoxe mesmo unha nova baixa.
A responsable socialista alerta da situación “insostible” da Confraría, que leva anos recibindo queixas xeneralizadas entre os socios e os traballadores do sector, e mesmo “denuncias por acoso laboral, por vulnerar o dereito ao teletraballo ou infraccións normativas”. Urxe á Consellería a impulsar “as investigacións e requirimentos necesarios para esclarecer “unha situación que “non pode permanecer por máis tempo” polo prexuízo que está a ocasionar no sector.
Castro sinala presuntas infraccións dos regulamentos comunitarios por desenvolver prácticas irregulares nas vendas en lonxa, que motivaron unha denuncia por parte de asociacións e outras confrarías por un suposto acopio de marisco por enriba do cupo permitido supostamente para destinar os beneficios a gastos xerais e particulares sen xustificar. Ademais, sinala a contratacións externas e subas de salario sen xustificar a algúns empregados.
Alerta das queixas reiteradas que provocaron dous escritos á Xunta dende a asociación Aproamar este mesmo ano pola “actuación antidemocrática e personalista” do patrón maior, que segue sen cubrir as vacantes nos órganos de goberno, que deixaron á dirección sen o mínimo de membros requirido para tomar decisións. Alerta de que o patrón continúa tomando decisións que poden ser nulas pola falla de quorum.
Reclámalle á Consellería de Pesca que comprobe as irregularidades denunciadas e no seu caso promova as sancións necesarias contra o patrón maior, ademais de que supervisen a súa situación económica e laboral para “no seu caso proceder á intervención administrativa por parte da Xunta ou dunha xestora”, e a convocatoria de novas eleccións.