Paloma Castro reclama facer da Igualdade a “columna vertebral” do goberno para “camiñar cara unha Galicia máis igualitaria, e polo tanto máis libre e democrática”
Lémbralle ao goberno galego a obriga de cumprir co acordo parlamentario para incluír a educación afectivo – sexual no currículo educativo no próximo curso
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que impulse os Centros de Intervención á Muller como “recurso esencial” para a asistencia ás mulleres. Na comparecencia da directora xeral de Promoción da Igualdade no Parlamento, reivindicou que garantan que cada muller galega dispoña dun CIM a un máximo de 15 quilómetros.
A parlamentaria socialista instou ao goberno galego a facer dos CIM un recurso eficiente e dispoñible tamén nos territorios do rural galego porque, dixo, “é unha ferramenta que pode salvar vidas”. Pediu neste sentido modificar o decreto que regula este recurso e que completen o mapa de servizos con máis recursos, xa que resulta “inasumible que haxa hoxe comarcas enteiras sen este servizo imprescindible”.
Castro reclamoulle que faga da Igualdade a “columna vertebral en tódalas accións de goberno”. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Promoción da Igualdade hoxe no Parlamento, a quen urxiu unha acción de goberno que permita “camiñar cara unha Galicia máis igualitaria, e polo tanto máis libre e democrática”.
Cuestionou que o goberno galego limite o imulso das mulleres no eido da cultura e as campañas con motivo do 8 de marzo, e instou a poñer en valor o talento feminino durante “todo o ano”, e que apliquen a perspectiva de xénero en toda a atención á cidadanía por parte da administración. Salientou neste sentido que as iniciativas presentadas no ensino “non poden cinguirse a campañas ou accións puntuais”.
Dixo que a educación en igualdade resulta “imprescindible en tódolos niveis do ensino”, e lembrou o compromiso acadado no Parlamento para incorporar a educación afectivo – sexual ao currículo educativo a partir do próximo curso, tal e como figura na iniciativa do Grupo Socialista aprobada o pasado 25N. Alertou do risco certo de deixar que a única formación en materia sexual dos mozos e mozas proveña das redes sociais e o contido pornográfico que atopan en Internet.
Paloma Castro salientou que a educación constitúe “o ingrediente principal” para superar o machismo e empregar á igualdade como panca de cambio que “permite ao conxunto da sociedade avanzar rapidamente cara un maior benestar, máis calidade de vida e crecemento económico.
Emprazou ademais a empregar a sororidade dende a política fronte ao crecente negacionismo das políticas de igualdade que representan figuras como Trump, Milei ou a ultradereita española. Neste sentido, dixo que ten que ser “unha ferramenta política para transformar as lóxicas patriarcais que permean en tódolos ámbitos e institucións”.