Julio Torrado lembra que o inmoble orixinal leva varios cursos sen estudantes polos problemas arquitectónicos
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta que habilite fondos para cofinanciar xunto coa Universidade de Santiago a construción dun novo edificio que aglutine as facultades de Farmacia e Enfermaría. Torrado presentou unha pregunta na Comisión de Sanidade na que advertiu que as aulas e algunhas liñas de investigación están dispersas polo campus dende 2015 polos problemas do inmoble.
O responsable socialista alerta de que o edificio “é inutilizable polo seu perigo”, ata o punto de que “hoxe non se pode usar”, pero a USC dispón dun proxecto en marcha para construír un novo centro que aglutine ás facultades de Farmacia e de Enfermaría. O proxecto suporía un custe de 25 millóns de euros, dos que a Universidade dispón da metade, pero necesita da implicación do goberno galego para financiar o proxecto completo.
Torrado advertiu que a Universidade ten feito xa o proxecto básico e o proxecto de execución, ademais de ter a zona urbanizada, polo que lle reclamou ao goberno galego que atenda ás propostas de financiamento que ten posto sobre a mesa.
Explicou que a Universidade propón o cofinanciamento incluíndo na negociación a disposición da actual Facultade de Enfermaría, que quedaría baleira, o respaldo a unha operación de endebedamento ou directamente financiar a achega “facendo de banco” cun xuro máis asequible.
Sinalou que dentro dos 13.000 millóns dos Orzamentos da Xunta para 2024 “ben podería plantexarse aportar 14 millóns a unha Facultade de Farmacia necesaria que suporía un ben para tódolos galegos e galegas e que produce rendemento académico e investigador excepcionais”. Lembrou que o goberno galego se comprometera a investir 40 millóns nunha nova Facultade de Medicina que finalmente non gastou, e que supón o dobre do custe desta obra.