Paloma Castro responsabiliza ao goberno galego da desatención e deterioro da Rede de Tratamento de Condutas Aditivas de Galicia, ata abocar á desaparición a un servizo que mantén a máis de 13.000 persoas baixo tratamento
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que asuma a xestión e financiamento íntegro das Unidades de Atención á Drogodependencia seguindo as súas competencias en materia de saúde. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión Institucional na que alertou de que o goberno galego “non está disposto a cumprir cos acordos parlamentarios nin responde aos requirimentos da Fegamp” neste sentido.
Advertiu que malia que a loita contra o narcotráfico lle corresponde ao Estado, o goberno galego si que ten responsabilidades en materia sanitaria e competencias á hora de poñer en marcha campañas de sensibilización, de prevención ou protección social e sanitaria, así como a coordinación cos concellos máis afectados. Reclamou a posta en marcha de “tódolos mecanismos preventivos posibles” para transmitir a información e formación para afrontar as drogodependencias.
Reclamoulle á Xunta que elabore de urxencia un Plan de atención aos trastornos aditivos dentro do ámbito da asistencia especializada, enmarcado na estratexia de saúde mental, que garanta os coidados sanitarios a tódolos cidadáns “sexa cal for a súa patoloxía”.
Paloma Castro acusou ao goberno galego de “romper coa continuidade e a unidade de acción de máis de dúas décadas” así como do “desmantelamento progresivo da estrutura e actividades que ata aquel momento demostraran sobradamente a súa eficacia e eficiencia”. Aludiu así á estratexia de desmantelamento do Plan de Atención ás Drogodependencias e da desatención e deterioro da Rede de Tratamento de Condutas Aditivas de Galicia, abocando á súa desaparición.
Lembrou que este servizo resulta “irreemprazable para máis de 70.000 familias galegas que, a pesar das crecentes dificultades provocadas pola xestión irresponsable do goberno galego, manteñen na actualidade a máis de 13.000 persoas baixo tratamento.
Castro admitiu que nestes anos “asistimos con desconcerto ao desenvolvemento dunha xestión errática, sen complexos, arbitraria e afastada da evidencia científica que non se pode seguir tolerando”. Son máis de 10 anos, explicou, de “accións unilaterais dunha administración sanitaria manifestamente desleal coas necesidades as persoas afectas de trastornos aditivos e dos colectivos profesionais encargados da súa asistencia dende fai máis de 25 anos.
Loita contra o narcotráfico
A responsable socialista pediulle ademais ao goberno galego que incremente as partidas para as asociacións que colaboran na loita contra o narcotráfico, destinados a actuacións formativas e divulgativas. Sinala que o aumento desta cantidade “facilitaría que aumentara a sensibilización, fundamentalmente na mocidade, ademais de mellorar e axilizar a xestión dos bens decomisados”.
Puxo como exemplo o traballo desenvolvido pola Fundación Galega contra o Narcotráfico, para realizar encontros profesionais, campañas de sensibilización e apoio a persoas con drogodependencia e os seus familiares, ademais de colaborar no destino dos bens decomisados nas operacións de narcotráfico.
A parlamentaria socialista apunta neste sentido que a loita contra o narcotráfico “ten que ser unha prioridade”, e a Xunta debe colaborar co Estado “con vontade de cooperación e lealdade institucional”.