Begoña Rodríguez Rumbo urxe un Plan de axudas e aféalle ao conselleiro da Presidencia que dous meses e medio despois aínda non fora visitar aos concellos afectados
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle hoxe á Xunta que aprobe a declaración de emerxencia de interese galego nos concellos afectados polas intensas chuvias e neve do pasado Nadal e que deixaron un rosario de estragos en toda Galicia. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta oral no pleno do Parlamento para esixirlle á Xunta que aprobe un plan de axudas para os concellos.
A responsable socialista lamentou que a única resposta do conselleiro de Presidencia fora amosarse “disposto a visitar aos concellos”, co que evidencia que “dous meses e medio despois, aínda non foi ver os danos, cando son da súa competencia”. Acusouno de “renunciar ás súas obrigas e pasar de largo sen darlle solucións a estes concellos”, evitando declarar a emerxencia de interese galego para atender os danos e aprobar un plan de axudas con orzamentos e medidas.
Lembrou que os temporais do Nadal se saldaron con máis de 1.500 incidencias só nunha fin de semana, que incluían derrubamentos no monte de Santa Tegra e no Muíño, ademais de inundacións na Guarda, desperfectos no río Carballa e a Senda do Miño do Rosal, u afundimento de muros e camiños e a afectación á fortaleza de San Lourenzo de Goián, en Tomiño.
Tamén se rexistraron desperfectos no paseo fluvial e o entorno do Camiño de Santiago e o casco histórico de Tui, estragos e danos en concellos como Arnoia, Baños de Molgas, Allariz ou Ribadavia, ademais da inundación da única estrada do Carballiño, que deixou incomunicado o pobo durante horas, o derrubamento de parte da Fonte de Troncoso, en Mondariz – Balneario, desperfectos en Ponteareas e diversos danos no concello de Oia.