A deputada Lara Méndez reuniuse co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e avanzou que o PSdeG levará ao pleno do Parlamento unha moción para que o Goberno galego estableza unha periodicidade para as xuntanzas co sector
A parlamentaria socialista reivindicou “un sector leiteiro forte” para xerar valor engadido no rural, crear oportunidades laborais dignas e favorecer o asentamento de poboación
Unións Agrarias presentou no Parlamento unha campaña para que o importe que se paga aos produtores dependa exclusivamente de “criterios obxectivos de calidade e de mercado”
A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego Lara Méndez reclamoulle hoxe á Xunta que active cunha periodicidade estable a mesa do leite, “un foro de escota ao sector” para que os gandeiros e gandeiras saiban “cando van ter oportunidade de trasladar á Administración as súas preocupacións, demandas e necesidades”. Momentos antes de reunirse co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, a deputada do PSdeG destacou a importancia de “escoitar constantemente” para adiantarse ás necesidades que poidan ter os produtores, e por iso avanzou que os socialistas defenderán no próximo pleno da Cámara autonómica unha moción nese senso.
A iniciativa incluirá tamén, segundo avanzou Méndez, a petición de que a Xunta garanta, a través da figura do mediador, unha negociación xusta dos prezos do leite. Trátase de evitar que gandeiros e gandeiras se vexan na obriga de establecer acordos coa industria nunha situación de desigualdade de condicións “e que teñan que asinar o que se lles pon enriba da mesa cando non se chegue a un acordo”.
Lara Méndez reivindicou “un sector leiteiro forte”, para o que Galicia dispón tanto de materia prima de calidade como de profesionais. “Estamos vendo como o valor engadido se perdeu durante moitos anos, como non aproveitamos esa oportunidade”, lamentou, pero invitou a traballar para “reverter esa situación” co obxectivo de crear oportunidades laborais dignas e favorecer o asentamento de poboación no rural. Para a parlamentaria socialista, as explotacións non só deben ser rendibles, senón que tamén teñen que proporcionar calidade de vida aos propietarios e propietarias.
Cada día pecha unha explotación
Por outra banda, lembrou que as explotacións existentes en Galicia xa son pouco máis de 5.000, un número que vai descendendo a un ritmo dunhas 350 ao ano. “Case podemos dicir que se pecha unha explotación por día”, alertou. Porén, sinalou que “a mellor forma de manter un rural vivo, limpo e libre de incendios é precisamente apostar por un sector primario que é fundamental para o desenvolvemento de Galicia”.
Foron argumentos que compartiu Roberto García. O secretario xeral de Unións Agrarias criticou que os gandeiros e gandeiras galegos obteñan, de media, 4 céntimos menos por litro de leite, en comparación cos do resto de España. Defendeu que o importe debe responder a “criterios obxectivos de calidade e de mercado” e lembrou que “para que haxa industria é imprescindible que haxa gandeiros”.
García apuntou que o 1 de abril se renovan o 90 % dos contratos coa industria e que é o momento de “empezar a recortar ese diferencial” co fin de garantir que se siga mantendo a actividade. Segundo explicou, o incremento dos custes reduciu a marxe de beneficio e incidiu no peche de granxas. “A viabilidade das explotacións familiares galegas no pode depender de que toda a familia dedique a traballar doce ou catorce horas ao día os 365 días do ano”, indicou como exemplo da situación que atravesa o sector.
Por ese motivo, remarcou a necesidade de apostar por “unha fórmula de país” e buscar os mecanismos “non para subirlle o prezo ao consumidor, senón para que simplemente ninguén sexa máis que ninguén nin tampouco menos” na cadea de valor do leite.
O secretario xeral de Unións Agrarias sinalou dúas vías para traballar nesa dirección, ambas na mesma liña que indicou Méndez. Por unha banda, beneficiar na concesión de axudas ás industrias que non teñan sancións por incumprimento das negociacións cos gandeiros. “Que teñan un plus á hora da concorrencia competitiva”, matizou.
Por outro lado, tamén lle demandou á Xunta “que desenvolva a Xerencia de Control Alimentario, para que haxa funcionarios e medios para garantir a negociación de prezos e acabar cos contratos de adhesión”.