Julio Torrado cualifica de “pamplinada” o convenio entre o Sergas e o Concello “para pagarlles piso aos médicos” nun Centro de Saúde que rexistrou “dos peores rendementos” no verán
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á nova xerente do Sergas que presente a convocatoria e os contratos dos médicos aos que lles puxeron piso para traballaren este verán no Centro de Saúde de Sanxenxo. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que alertou de que a “pamplinada” de Sanxenxo resolveuse cun “fracaso estrepitoso na zona onde peor se xestionou a sanidade no verán.
Torrado criticou que “non queiran dar información sobre como convocaron os contratos”, e alertou que “non vaia ser que teñamos un problema cos contratos”, logo de alertar de que provoca “dúbidas éticas, todas, sobre a súa eficacia, todas, e ademais algunha dúbida legal”. Lembrou que o Sergas aínda non respondeu cantos médicos foron contratados, canto tempo, co que custe e sobre todo o tipo de contrato, que reclamou a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento.
Lembrou que se trata dun “convenio do Sergas con Sanxenxo” para facer “mercadeo” a través “dunha convocatoria para médicos da privada de fora de Galicia e só para un Concello”. Trasladou a súa “sorpresa” por que o goberno galego defenda o caso como “exemplo” para toda Galicia mentres sosteñen que non produce “competencia nin desagravio” entre concellos o que é un caso de “dumping sanitario”.
Julio Torrado lembrou sen embargo que o veciño concello de O Grove, nunha situación semellante, non puido ofrecer as prazas para médicos porque non tiña o convenio que o goberno galego asinou “só para Sanxenxo e para ofrecer prazas só en Sanxenxo”.
O parlamentario socialista cuestionou os resultados desta “ocorrencia”, que se saldou cun Centro de Saúde que, a pesares da oferta de pisos para o verán, “non tivo a plantilla de médicos completa nin un só día” do verán. Mentres, dixo, houbo médicas “que pasaron máis tempo da súa xornada no taxi circulando dun centro de saúde ao outro só para que o Sergas puidera dicir que había médico”.
Cuestionou a xestión da sanidade no verán sinaladamente na área Arousa – Salnés, que é o terceiro polo de atracción poboacional estival de Galicia. Dixo que “existiu non un día, senón varios días e fins de semana sen persoal nos PACs de Sanxenxo, Cambados, Vilagarcía… ningún PAC da comarca”, coincidindo mesmo con concentracións multitudinarias.