Silvia Longueira acusa ao goberno galego de non facer “nada” para frear a “emerxencia” do galego, mentres a utilizan “como elemento exótico”
Propón a creación dun Libro Branco da Lingua coa participación das entidades dedicadas á protección do galego
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que escoite o clamor unánime da “marea e morea de xente” que onte se reuniu en Compostela para participar na concentración en defensa da lingua. Longueira lamentou que o goberno galego non faga “nada” para frear a “emerxencia” do galego e chamou a apoiar a moción que os socialistas levarán mañá ao Pleno do Parlamento para propoñer a creación dun Libro Branco da Lingua.
A responsable socialista retrucoulle ao conselleiro de Cultura, que cualificaba de “extremistas” aos milleiros de persoas que se reuniron onte nas rúas de Santiago nunha manifestación cívica para apuntar que “extrema é a situación de emerxencia da lingua” provocada polo goberno galego dende a chegada do PP en 2009. Salientou que mentres transcorría a concentración o PP inauguraba a Festa do Cocido de Lalín irmanándose con Xapón cun embaixador “falando en galego”.
Longueira empregou este feito como mostra do trato que lle da o PP á lingua, xa que “mentres non fai absolutamente nada para que non perdamos os mínimos da lingua, exhibe ao galego como unha rara avis, unha lingua minoritaria que fala incluso un embaixador dun país oriental”. Subliñou neste sentido que “quen pode frear emerxencia non solo non fai nada, senón que a utilizan como como elemento exótico”.
Chamou ao acordo para “impedir que o galego siga a ser unha cuestión exótica” e sexa a lingua que “usamos na vida, na educación, na administración ou na industria” porque, dixo citando ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, “sen galego non hai país”.
Silvia Longueira emprazou ao PP a apoiar no Pleno do mañá a moción do Grupo Socialista presentada “da man da RAG e do Consello da Cultura de Galicia para propoñerlle ao goberno galego que elabore un Libro Branco da Lingua Galega no que participen as entidades implicadas coa súa protección. Propón fixar así unha “folla de ruta ou manual de instrucións” que garanta a “seguridade de que o noso patrimonio está protexido”.
Longueira reclámalle á Xunta que dea cabida precisamente a entidades como a Real Academia da Lingua, o Consello da Cultura e aqueloutras que traballan de xeito directo coa lingua para que participen da elaboración do Libro Branco da Lingua. Ademais, chamou a acadar un acordo social e político que comprometa ás forzas políticas presentes no Parlamento de Galicia para cumprir coa Constitución Española, o Estatuto de Autonomía de Galicia e a Carta Europea das Linguas Minoritarias.
A responsable socialista urxe ao goberno galego a presentar, antes de que finalice este período de sesións, un plan de choque cunha batería de medidas que actúen como dique de contención diante da caída drástica do uso do galego. Longueira empraza á Xunta a emendar 15 anos de políticas lingüicidas coas que conseguiron que o galego pasara a ser menos utilizada que o castelán por primeira vez dende que hai rexistros.
Finalmente, esíxelle ao Executivo a presentar o Plan de traballo pormenorizado que van levar a cabo nas 11 comisión creadas pola Consellería de Cultura para traballar un escenario para un novo Plan de Normalización Lingüística.
En definitiva, reclámalle ao goberno galego a deixar de remar en contra e comezar a traballar a prol do galego, máis alá de contratar enquisas ad hoc para replicar aos datos oficiais do IGE que constatan a situación real do galego, como teñen feito nestas últimas datas. subliñou que “non hai unha sola asociación que lle outorgue visos de realidade” a esta enquisa contratada “para blindar a súa decisión” de continuar na liña do PP.
Afeoulles que no canto de defender á lingua propia de Galicia, se dediquen a “promover políticas recentralizadoras que limitan o uso oficial das linguas distintas do castelán”. A última mostra desta posición, explicou, xurdiu precisamente en Bruxelas, onde rexeitaron a proposta de nomear ao galego como lingua cooficial por segunda vez.
Advertiu que ao mesmo tempo teñan presentado unha Lei de Audiovisual no que deixan o uso do galego na CRTVG “ao albur” de que decidan empregalo “ou non”, e convocan unha praza na televisión pública que “pode ser feita en castelán”, ou na Lei da IA na que non cumpren coa empregabilidade do galego.