Carmen Dacosta pide blindar a calidade laboral dos bolseiros e vantaxes fiscais para as empresas que teñan en plantilla un mínimo dun 30 por cento de traballadores e traballadoras menores de 35 anos
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2024. A portavoz de Emprego, Carmen Dacosta, e o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia -XSG-, Xurxo Doval, veñen de anunciar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que presente en dous meses un Plan de emprego para a mocidade. Dacosta urxe ao goberno galego a tomar medidas para frear a situación de precariedade laboral xeneralizada que está a provocar unha desbandada entre os mozos e mozas, que marchan a outras comunidades autónomas na busca de oportunidades.
Alerta de que os galegos e galegas máis novos están a soportar de maneira máis agravada as grandes lacras do mercado laboral galego, como son o desemprego, as baixas taxas de actividade, baixos salarios e precariedade. A falla de oportunidades e de expectativas provocan o desánimo dos máis mozos, que se ven obrigados a buscar o seu futuro noutros puntos do Estado e mesmo no estranxeiro.
Por iso reclámalle ao goberno galego a poñer en marcha canto antes tódalas ferramentas ao seu alcance para facer de Galicia un territorio con oportunidades laborais con emprego de calidade para a xuventude. Reclámalles en concreto que fomenten as prácticas formativas e remuneradas, “eliminando a precariedade dos bolseiros”, ademais de medidas concretas como a posta en marcha de vantaxes fiscais para as empresas nas que o 30 por cento da plantilla teña menos de 35 anos.
Tanto a parlamentaria socialista como o responsable de XSG alertan da situación preocupante da poboación moza de Galicia, que é a cuarta Comunidade Autónoma do Estado coa menor taxa de actividade entre a poboación de 16 a 29 anos. Mentres a media de España sitúase no 53,8 por cento, Galicia está no 47,2 por cento -moi por debaixo do 62 por cento de Cataluña- cunha taxa de paro xuvenil do 18,1 por cento.
Reclámanlle ao goberno galego que se centre en superar a situación de precariedade laboral destas franxas de idade, xa que o 26,6 por cento dos mozos galegos traballan a tempo parcial e cobran un 20 por cento menos que o resto dos traballadores e traballadoras. Esta “fenda salarial” está especialmente acentuada nesta Comunidade Autónoma, cunha diferenza de 14 puntos con relación ao resto de mozos e mozas do Estado.
Fixar poboación
Carmen Dacosta urxe ademais ao goberno galego que elabore e poña en marcha un Plan de choque para facer de Galicia unha terra “atractiva para que os mozos e mozas decidan quedar e desenvolver o seu proxecto vital” e frear o “éxodo” da poboación moza. Propón neste sentido medidas específicas para incentivar a adquisición de vivenda entre os máis mozos, así como a mellora dos servizos e das infraestruturas.
Chama a frear a sangría de poboación nova de Galicia, que dende o ano 2010 perdeu 87.300 persoas de entre 16 e 29 anos, o que supuxo que 2 de cada 10 mozos e mozas tiveron que marchar a traballar fora de Galicia.