Paloma Castro asegura que “as contas son un déjà vu” porque “aparecen as mesmas partidas que levan aparecendo dende hai anos e anos”
Lamenta a “incoherencia” do PP que “obstaculiza os Orzamentos Xerais do Estado en Madrid” e “se estes non se aproban, en Galicia non poderemos recibir os fondos europeos tan necesarios para paliar a crise”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou un maior compromiso para Pontevedra nos Orzamentos da Xunta de 2021 e reprochou “un reparto desigual en favor dos concellos amigos do PP”. Castro asegurou que “as contas son un déjà vu” porque “aparecen as mesmas partidas que levan aparecendo dende hai anos e anos”.
Así, a responsable socialista denunciou que o PP “volve incluír nos orzamentos promesas incumpridas coa cidade de Pontevedra”, como as partidas destinadas ao saneamento da ría, a residencia de maiores pública ou o investimento no pavillón de ximnasia da Parda, “unha reivindicación histórica”. Así, lamentou que tamén “existen partidas que xa existían e nunca se executaron”, como a variante de Alba ou o dragado do río Lérez, “infraestrutura moi necesaria para a cidade”.
“Os orzamentos demostran unha falla de sensibilidade total cara a situación real coa que nos atopamos”, sinalou. Así, Castro denunciou que “nas contas públicas se ve o pouco que cre o PP na sanidade pública cando reduce o investimento na atención primaria para 2021, un ano no que será fundamental o reforzo neste eido por mor da vacinación da covid”.
Neste senso, a responsable socialista lamentou que a cidade de Pontevedra “segue agardando a licitación e execución do Gran Montecelo” e esixiu “o arranxo do hospital provincial” para destinalo a uso sociosanitario.
Castro reivindicou “un maior investimento no Punto de Encontro Familiar (PEF)” que “necesita un cambio de ubicación pola dignidade e seguridade das persoas que demandan estes servizos”. Ademais, lamentou que “non se destine nin un só euro a campañas que promovan a dignidade e igualdade do colectivo LGTBI ou á memoria histórica”.
“Feijóo anuncia a bombo e platillo un incremento do 15% nos fondos orzamentarios, pero a realidade non é así, xa que nese 15% computan tanto os fondos do Estado como os da Unión Europea”, aseverou. Por último, Castro lamentou a “incoherencia” do Partido Popular que “obstaculiza os Orzamentos Xerais do Estado en Madrid” e “se estes non se aproban, en Galicia non poderemos recibir os fondos europeos tan necesarios para paliar esta crise económica e social”.