Julio Abalde urxe ao goberno galego a poñer financiamento enriba da mesa con “criterios realistas, negociados co sector e xestión áxil”
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe ao goberno galego que poña en marcha un fondo de axudas para apoiar ao sector marisqueiro nos “cada vez máis prolongados períodos de inactividade” e a drástica caída da produtividade. Abalde presentou esta proposta en forma de emenda a unha moción que se debateu hoxe no Pleno do Parlamento e que o BNG non quixo incorporar á proposta.
O responsable socialista propuxo un Fondo Estable de axudas financiado por fondos propios e a Fempa para os mariscadores e mariscadoras afectados pola paralización da actividade extractiva acordada entre a Xunta e as confrarías e asociacións dos traballadores e traballadoras do mar comezando polas correspondentes ao ano 2024.
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista estivo acompañado polo presidente e representantes da confraría de Rianxo, a asociación Mulleres Salgadas e o portavoz do PSdeG de Rianxo, Óscar Rial, que seguiron o debate dende o Parlamento invitados polo Grupo Socialista.
Advertiu que esta proposta, que xa fora presentada como emenda do Grupo Socialista aos Orzamentos da Xunta para este ano, debera ser activada no momento en que se produza a paralización da actividade extractiva. Apunta que se no ano 2023 foron convocadas axudas de 4 millóns de euros, “a produción do ano 2024 foi aínda peor, polo que está totalmente xustificado que se convoquen novamente as axudas”.
Puntualizou a urxencia destas axudas para atender un problema inmediato mentres poñen en marcha os plans de investigación, as medidas de mantemento da biodiversidade e as medidas de recuperación dos bancos, que actuarán a medio e longo prazo. Sinala que “o presente e o futuro dos mariscadores e mariscadoras non pode agardar” diante da crise dun sector fundamental para a sustentabilidade social e económica das cidades e vilas costeiras de Galicia.
Abalde alertou da caída da produción nos últimos dez anos, e as malas expectativas para as traballadoras dos bancos marisqueiros, na súa maioría mulleres, diante dos peches frecuentes dos bancos. Algunhas rías como a de Arousa teñen rexistrado perdas superiores ao 90 por cento con relación aos anos anteriores, mentres especies coma o berberecho “practicamente desapareceu destes bancos marisqueiros”.
Apuntou que o descenso non responde unicamente ás chuvias torrenciais dos últimos anos, senón que ten sido un proceso “continuo e progresivo” dende 2011. Engade que mesmo de ser certo que se trata dunha situación cíclica, como sostén a Consellería do Mar, “aínda con máis razón é necesario dispoñer de instrumentos para loitar nos momentos de baixa produción que permitan a supervivencia dos traballadores e traballadoras do sector marisqueiro”.