Patricia Otero acusa a PP e BNG de agochar o custe de mantemento da infraestrutura e apunta que “será de novo un goberno socialista o que poña a transferencia enriba da mesa” logo do bloqueo do PP co “silencio atronador” de Feijóo
A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamou hoxe que a transferencia da AP-9 “non supoña unha carga para os galegos e as galegas”, logo de acusar a PP e BNG de agochar o custe que suporá o mantemento da infraestrutura. Así o dixo no debate de toma en consideración da proposición de Lei da transferencia da vía, presentada por PP e BNG e que foi apoiada polos socialistas galegos.
Otero reclamou unha transferencia “do xeito máis beneficioso para os galegos e galegas”, para que “saia a conta” cunha “mellor conservación e menos peaxes” e trasladou o apoio dos socialistas galegos a asumir esta titularidade polas súas “vantaxes claras”. Reivindicou o “mesmo trato económico” que ten o Estado con transferencias semellantes a outras comunidades autónomas, polo que subliñou que “non permitiremos un trato distinto”.
Sinalou que o PSdeG “sempre estivo a favor da transferencia”, e lembrou que foi o goberno de Pedro Sánchez quen permitiu debater a proposta do Parlamento de Galicia que hoxe volven presentar logo de que decaera pola convocatoria electoral. Unha proposta que, advertiu, o PP bloqueou ata en dúas ocasións na Mesa do Congreso que presidía a galega Ana Pastor cando gobernaba o tamén galego Mariano Rajoy co “silencio atronador” de Feijóo en Galicia.
Tamén foi o goberno de Pedro Sánchez o que implantou as bonificacións ás peaxes na AP-9, que tanto PP como BNG rexeitaron ao votar en contra dos Orzamentos Xerais do Estado en 2021, e que permitiu que hoxe se manteñan vixentes malia que o goberno estea en funcións.
Finalmente, explicou que dende a chegada de Sánchez ao goberno en xuño de 2018 4 de cada 10 quilómetros de autopistas pasaron a ser gratuítas, pero que lamentablemente a AP-9 non se atopa entre elas pola ampliación da prórroga ata 2048, asinada polo goberno de Aznar inmediatamente antes de privatizar Audasa.