Julio Torrado alerta da situación “absolutamente insoportable” dun servizo “infradotado e inaccesible” mentres Galicia encabeza o ránking de consumo de psicofármacos e é a segunda autonomía con máis suicidios
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta que reforce o servizo de Saúde Mental, garantindo ademais que estea vinculado de maneira integral á Atención Primaria. O responsable socialista presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento na que alertou a situación “absolutamente insoportable” deste servizo logo de anos “infradotado” e inaccesible para a cidadanía.
Torrado advertiu que o anuncio do presidente da Xunta de incorporar psicólogos á Atención Primaria resulta insuficiente, xa que precisa dun servizo integral “vinculado e común” para superar un problema “acumulado durante anos pola minusvalorización do servizo” por parte do goberno galego. Dixo que Galicia é hoxe a comunidade autónoma na que se consumen máis psicofármacos, ademais de que é a segunda coa maior taxa de suicidios.
Advertiu que a falla de profesionais da saúde mental na sanidade pública explica a situación deste servizo, con listas de espera de 4 meses segundo os profesionais do sector, unha cifra “absolutamente insoportable” que explica o abuso de psicofármacos. Criticou que o goberno galego leve anos sen convocar tódalas prazas de formación de profesionais sanitarios que teñen habilitadas, e mesmo cando as convocan non as dan cuberto.
O responsable socialista criticou a falla de compromiso do goberno galego, que a día de hoxe ten incumprido o acordo proposto polo PSdeG e aprobado por unanimidade no Parlamento en marzo de 2021. Naquel acordo reclamaban a convocatoria de 120 prazas de saúde mental e chegar en 2024 á media do Estado, abrir unha unidade de hospitalización infanto – xuvenil en Vigo e unha Unidade de Psicoxeriatría en Ourense, e ningunha delas foron cumpridas a día de hoxe.
Tampouco cumpriron coa obriga de mellorar a situación do Hospital Psiquiátrico de Conxo nin de absorber os servizos municipalizados. É o caso da atención aos comportamentos aditivos, que “sorprendentemente, sendo un servizo claramente sanitario non o xestiona o Sergas”, que ten descargado nos Concellos “coa infradotación que lles concede a Xunta e que non chega para nada”.
Julio Torrado puxo en cuestión o compromiso acadado hoxe polo conselleiro de Sanidade, que anunciou que o próximo ano convocarían o cen por cen das prazas de especialistas en saúde mental, xa que “ata o de agora nunca o fixeron”. Tampouco deu crédito ao anuncio de constituír a Unidade de Hospitalización Infanto – Xuvenil en Vigo, que “é a novena vez que lle escoito dicilo” sen que ata agora o levaran adiante.