Julio Torrado alerta da situación límite da área sanitaria, coa Xerencia enfrontada aos profesionais, e lamenta que o conselleiro de Sanidade “non poida” relevar á responsable, curmá de Feijóo
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe o cese da xerente da Área Sanitaria de Santiago – Barbanza, e lamentou que o conselleiro “é posible que estea de acordo coa decisión, outra cousa é que poida facelo”. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento diante da situación límite provocada pola xestión nesta área.
Advertiu que a xerencia “ou non sabe, ou non quere ou non pode resolver os problemas” que ten enriba da mesa e que teñen posto á dirección en contra dos profesionais sanitarios. Dixo que “calquera delas é unha razón de peso” para o seu relevo, e preguntou “que pesa máis para soster esta xerencia: unha capacidade contrastada, as influencias ou os apelidos” da titular, que ademais é curmá de Feijóo.
O responsable socialista fixo un relatorio dos conflitos desta área sanitaria, coa dimisión do xefe de servizo de Xinecoloxía, un problema organizativo cronificado en Urxencias, mentres “a xerencia mira para outro lado”. Lembrou os “problemas no servizo de Radioloxía”, e o servizo de Otorrino vivindo as consecuencias de “moitas semanas de folga”, coa dirección enfrontada á maioría da plantilla.
Mentres os profesionais do servizo de cociñas denuncian o menosprezo por parte dos responsables da área sanitaria diante da falla de recursos, a dimisión do xefe de Medicina Interna, ameazas de folga e o descontento xeral no servizo. Como colofón, lembrou as “alarmantes queixas” dos profesionais logo de que “se aproveitaran da precariedade na contratación dalgúns profesionais para forzar a súa derivación a cubrir gardas no Barbanza”.