Begoña Rodríguez Rumbo anuncia un modelo de goberno alternativo liderado por Gómez Besteiro que permitirá a entrada de “aire fresco de cambio” e unha Galicia “máis verde, máis dixital, máis cohesionada territorial e socialmente, máis igualitaria sen que ninguén quede atrás”
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, pediu hoxe mobilizar 467,3 millóns de euros dos Orzamentos da Xunta para blindar os servizos públicos e garantir a reactivación económica e industrial baseadas no emprego de calidade. Rodríguez Rumbo presentou a emenda transversal e ao artigo 2 dos Orzamentos no debate en Comisión dos Orzamentos para 2024, que quedaron listos para o debate final no Pleno do Parlamento da próxima semana.
A responsable socialista emprazou ao goberno galego a aproveitar o incremento dos recursos anunciados no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte, no que o Estado confirmou que entregará a Galicia 10.597 millóns de euros, 392 máis que no exercicio anterior. Sinalou que o movemento de partidas proposto polos socialistas galegos e o incremento confirmado polo goberno permiten atender axeitadamente ás necesidades actuais da cidadanía e do territorio”.
Esixiulle ao PP “menos pico e máis pala”, e defendeu o proxecto alternativo liderado polo candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro, que permitirá a entrada de “aire fresco de cambio” fronte a unha proposta de Orzamentos do PP que “carece de proxecto de país” e desaproveita a oportunidade de poñer as bases do cambio no modelo produtivo grazas aos fondos estatais e comunitarios.
A proposta socialista, dixo, “permitirá unha Galicia máis verde, máis dixital, máis cohesionada territorial e socialmente e máis igualitaria, sen que ninguén quede atrás”. Apostou por unha “economía do coñecemento que priorice a educación, a formación e a investigación, que reforce o Estado do Benestar e canalice os fondos europeos para avanzar cara unha economía con maior valor engadido, máis dixital e baseada na transición enerxética”.
Rodríguez Rumbo chamou a reforzar aos fogares máis vulnerables e ás clases medias e traballadoras, así como ás empresas máis afectadas a día de hoxe polas consecuencias da pandemia da covid – 19 e a invasión de Ucraína. Emprazou a levar adiante a blindaxe dos servizos públicos, sinaladamente a sanidade, educación e a protección social, así como tomar medidas de calado en industria, emprego, vivenda, cultura, mocidade, atención aos maiores ou deporte.
A proposta alternativa de Orzamentos dos socialistas galegos inclúe, explicou, un Plan para a reactivación económica e industrial de Galicia, reforzando a dinamización dos sectores produtivos e industrial con especial atención á descarbonización e unha transición enerxética xusta. Ademais, pediu repoñer a tarxeta básica de axuda para garantir o acceso a produtos de primeira necesidade para 55.000 persoas con dificultades.
Propuxo ademais triplicar o bono social eléctrico para chegar ata os 18.000 fogares beneficiados, así como un Plan de loita contra a pobreza, un programa de bolsas de alimentación e o incremento do Servizo de Axuda ao Fogar. Rodríguez Rumbo reclamou a blindaxe dos servizos públicos garantindo a mellora asistencial na Atención Primaria, un programa de atención hospitalaria e o reforzo das partidas para investigación e a mellora das infraestruturas sanitarias.
As emendas presentadas polos socialistas galegos inclúen ademais recuperar o modelo de gratuidade universal dos libros de texto no ensino obrigatorio, a gratuidade das primeiras matrículas universitarias, aumentar as bolsas ao alumnado universitario e de posgrao e o reforzo do persoal educativo auxiliar.