Julio Torrado alerta de que o goberno galego está “rezagado” no desenvolvemento da estratexia acordada no Consello Interterritorial de Saúde do pasado mes de maio
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que reforce o papel do persoal de atención primaria no tratamento da insuficiencia cardíaca. O responsable socialista urxe ao goberno galego a dotar ao servizo dos recursos materiais e humanos necesarios para afrontar esta tarefa con éxito.
Torrado alerta de que a Xunta mantense “rezagada” no desenvolvemento dunha estratexia propia no marco do Plan Estratéxico Nacional de loita contra a insuficiencia cardíaca, aprobado no Consello Interterritorial de Saúde do pasado mes de maio. Mentres outras comunidades autónomas xa teñen incorporado esta cuestión no seu deseño estratéxico nos correspondentes sistemas de saúde, apunta, o goberno galego “aínda non deu síntomas de avanzar”.
O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que elabore unha Estratexia Galega de loita contra a insuficiencia cardíaca, seguindo as indicacións do CISNS, que permita “habilitar protocolos de actuación e deseños estratéxicos en prevención e tratamento de pacientes sobre insuficiencia cardíaca ao maior nivel asistencial posible”.
Segundo plano
Advirte que Galicia mantense nun “discreto segundo plano” no canto á xestión sanitaria orientada á insuficiencia cardíaca, desaproveitando a altísima calidade dos equipos profesionais. Os criterios de xestión da sanidade galega “están quedando atrás” con respecto aos criterios clínicos e a referencia nacional e internacional dos avances que se producen.
O responsable socialista reivindicou unha intervención máis proactiva sobre campañas de prevención, implementando unha maior conexión dos servizos de cardioloxía coa atención primaria. O obxectivo é adiantarse aos problemas e difundir mellores hábitos de vida dende a perspectiva da saúde comunitaria, “hoxe afogada pola saturación da atención primaria”, e por iso reclama unha campaña de sensibilización sobre a importancia da saúde cardiovascular.