Luis Álvarez anuncia unha iniciativa para crear un Plan de Retención de Talento que evite a marcha masiva de mozos e mozas con formación cara outras comunidades autónomas
4 de abril de 2023. O voceiro do grupo socialista, Luis Álvarez, anunciou hoxe que pedirán información ao goberno galego no relativo á execución dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia para saber que hai detrás dos “anuncios grandilocuentes” que fai o executivo autonómico.
Álvarez ofreceu unha rolda de prensa posterior á xunta de portavoces do Parlamento de Galicia, con obxecto de organizar os asuntos que serán levados ao pleno da próxima semana. Destacou principalmente unha proposición non de lei coa que se busca disipar as dúbidas en torno á execución final dos fondos europeos por parte do goberno galego.
Esta posición ven motivada, argumenta, despois de que a Xunta fixera importantes anuncios no relativo a estes fondos e empregara os mesmos como “ariete de confrontación” contra o executivo do Estado, estando “lonxe de centrarse na súa finalidade”. Por iso, o obxectivo e fiscalizar a “materialización concreta” que hai ou non detrás do “goteo constante de anuncios”.
Luis Álvarez adiantou que lle preguntará na sesión de control ao presidente Rueda polas políticas activas para a defensa das persoas maiores, xa que cren que é “un sector da poboación moi necesitado” dos entes públicos e lamentan non ver “ningún cambio nin acción real” dende o cambio ao fronte do goberno.
CREACIÓN DE EMPREGO E RETENCIÓN DE TALENTO
Outro dos aspectos que máis preocupan aos socialistas é a xeración de emprego e, ligado a isto, a emigración da poboación máis moza e preparada da comunidade. Por esa razón, incluirán unha moción para a tramitación en pleno e unha iniciativa.
Unha moción presentada por Carmen Rodríguez Dacosta vén ao fío de que haxa 1.700 millóns de euros destinados a políticas de emprego sen executar por parte dos gobernos de Feijóo e Rueda. Esixirá que se reúna de novo o Consello Económico de Emprego, tras tres anos sen facelo, e que actúe na elaboración de política activas de emprego, así como que se reactiven as competencias dos comités provincias para facer plan axustados ás necesidades do territorio.
Do mesmo xeito, e seguindo o Plan Impulsar Galicia que leva promovendo o PSdeG nos últimos meses, se presenta unha iniciativa para reter aos mozos e mozas con titulación universitaria que emigraron, especialmente cara outras comunidade autónomas. Ofreceu o dato de que só no 2022 foron 8.500 os que tiveron que marchar. Iso sumado ás queixas do sector empresarial da falla de persoal cualificado.
Os socialistas queren que se faga un plan de retención de talento que sexa eficaz e estea dotado coa financiamento suficiente para evitar a emigración masiva da mocidade galega e corrixir as deficiencias de oferta e demanda no mercado laboral.
REPROBACIÓN DIRECTOR XERAL CRTVG
Luis Álvarez anunciou tamén que presentarán unha iniciativa para reprobar ao actual director xeral da CRTVG, que leva moitos anos co seu mandato caducado, e para que se inicien negociacións de forma inmediata para elixir a un novo director xeral. Asegurou que a mesma se xustifica polo “clima laboral insostible para os profesionais” que está “marcado por uha marxinación laboral e un trato degradante, vulneración de dereitos e sancións e represións ao persoal crítico coa manipulación descarada e indecente que se está a levar a cabo neste medio público”, algo que foi denunciado polo Colexio de Xornalistas de Galicia recentemente, recordou.