Lara Méndez visita xunto co alcalde de Cervantes, o socialista Benigno Gómez Tadín, as pallozas do Piornedo, declaradas conxunto histórico artístico dende 1931 e BIC na década dos noventa
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, visitou hoxe O Piornedo xunto co alcalde de Cervantes, o socialista Benigno Gómez Tadín, onde anunciou a batería de iniciativas que ten presentado ao Parlamento para reclamarlle á Xunta un Plan de Rescate das pallozas prerromanas.
A responsable socialista urxiu ao goberno galego a coordinar coa Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes un primeiro Plan de Rescate de dous anos de duración que inclúa un investimento de 500.000 euros para cada anualidade. A partir de entón, deberán garantir unha partida anual de 50.000 euros para o mantemento e conservación das pallozas.
Méndez lembra que a Xunta ten a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia segundo a Lei de Patrimonio Cultural, malia o que actualmente estes conxuntos só están a recibir axudas da administración provincial. Criticou o desleixo do goberno galego, que “prefire mirar para outro lado” diante dos problemas de conservación das construción, que hoxe só conservan os muros, e os teitos, orixinalmente de palla de centeo, están cubertos con chapa.
Lembra que O Piornedo foi declarado Ben de Interese Cultural nos anos 90, o que obriga á Xunta a asumir a conservación dun recurso turístico e patrimonial dun valor inigualable. Estas construcións foron declaradas ademais conxunto histórico artístico por decreto do 3 de xuño de 1931, e foi ampliado nos anos 1971 e 1972 coa declaración como paisaxe pintoresca da serra de Picos de Ancares, incluíndo os poboados de Vilarello de Donís e O Piornedo.
Chamou a tomar medidas contundentes para protexer este patrimonio histórico, cultural e etnográfico -composto por un total de 85 pallozas e 60 hórreos, sinaladamente as do Piornedo, que alberga 14 destas pallozas e 11 hórreos-, que é único en Europa e “estase a perder pola falla de mantemento”.