Begoña Rodríguez Rumbo empraza a Rueda a convocar unha mesa de traballo cos axentes económicos e sociais e os grupos parlamentarios para acordar unha nova política fiscal redistributiva
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que retire a rebaixa fiscal aos máis ricos dos Orzamentos do próximo ano. A responsable socialista alerta de que “a política fiscal regresiva da Xunta de Galicia favorece aos que máis teñen” en contra do conxunto da poboación.
Criticou a bonificación do imposto sobre o Patrimonio anunciada por Rueda para o próximo ano, que pasará do 25 ao 50 por cento para os 7.700 galegos e galegas máis ricos do país, a costa de deixar de recadar 34 millóns de euros por este imposto. Estes “superricos” aforraranse 4.500 euros de media cada un deles por gracia do presidente da Xunta, “aínda que isto supoña unha perda de ingresos nas arcas autonómicas para axudar aos fogares que máis o precisan”, sinala.
Rodríguez Rumbo critica esta decisión, tomada na liña marcada por Feijóo dende o PP de reducir cada vez máis a capacidade de actuación do Estado en plena crise económica. Lembra que a proposta vai en contra mesmo dos conservadores británicos, que veñen de dar marcha atrás á redución fiscal polo impacto negativo sobre a economía do país.
Advirte de que, coincidindo coa contestación social a esta decisión do goberno galego, o presidente da Xunta anunciou unha deflactación do IRPF nos tramos impositivos por debaixo dos 35.000 euros, que percibirán una forro medio por persoa de 46 euros, un “lamentable contraste cos 4.500 euros de media que recibirán os máis ricos”.
Mesa de traballo
A responsable socialista defendeu unha política fiscal redistributiva, na que pague máis quen máis ten, e non ao contrario como defende o presidente da Xunta, precisamente “nuns momentos de crecemento dos prezos, que é maior no caso de Galicia que no resto do Estado”. Reclama por iso a convocatoria urxente dunha mesa de traballo cos representantes económicos e sociais e cos grupos parlamentarios para reorientar a política fiscal.
Os socialistas galegos reclaman unha fiscalidade redistributiva, así como a elaboración dun estudo sobre os beneficios fiscais aprobados pola Xunta de Galicia durante os últimos 13 anos, para analizar o impacto económico e social real de cada medida en cada ano “e que estableza a que tipo de familias ten favorecido”.