A deputada Patricia Iglesias leva ao Parlamento unha nova batería de iniciativas tras lograr en febreiro o respaldo unánime a unha proposta do PSdeG para priorizar o produto de proximidade nos comedores de colexios, residencias e hospitais
A deputada do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, anunciou unha nova batería de iniciativas parlamentarias para garantir que os comedores públicos dependentes da Xunta dean prioridade ao consumo de produtos de proximidade. A proposta chega dous días despois de que o Goberno de España aprobase en Consello de Ministros o Real Decreto de Comedores Escolares Saudables e Sostibles, que introduce esixencias claras sobre o tipo de alimentación que se debe ofrecer nos centros educativos, eliminando a bollería industrial e obrigando a servir peixe varias veces por semana, entre outras medidas.
“Non hai máis escusas. O Goberno de España vén de aprobar unha norma que pon a saúde dos nenos e nenas por diante e que aposta polos produtos de tempada e proximidade. Galicia ten a oportunidade de unirse a este cambio, pero para iso a Xunta ten que actuar con responsabilidade”, afirmou Patricia Iglesias.
A deputada socialista lembrou que o pasado 20 de febreiro o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa do PSdeG instando á Xunta a impulsar este modelo de alimentación nos comedores públicos. “Todos os grupos estivemos de acordo: había que apostar polos nosos produtos e pola alimentación saudable. Pero desde entón non vimos avances por parte do Goberno galego. E agora que o marco estatal xa está aprobado, é o momento de actuar”, sinalou.
O Real Decreto aprobado onte establece que o 45% das froitas e hortalizas servidas nos comedores escolares deberán ser de tempada, que como mínimo o 5% do gasto en alimentos debe destinarse a produtos de produción ecolóxica, e que se deben ofrecer cinco comidas saudables á semana, eliminando alimentos ultraprocesados e frituras, e limitando as bebidas azucaradas. “É unha oportunidade para que Galicia aposte pola súa agricultura, gandería e pesca, reducindo a dependencia do exterior e fortalecendo a súa autonomía alimentaria”, asegurou Iglesias.
A deputada tamén advertiu sobre o contexto internacional, marcado pola inestabilidade e a ameaza de novos aranceis nos intercambios comerciais con Estados Unidos. “Nun momento no que o proteccionismo volve estar enriba da mesa, temos que ser capaces de blindar o noso. Non podemos deixar nas mans de terceiros algo tan esencial como a alimentación. A compra pública ten que ser unha ferramenta de defensa do produto galego”, explicou.
A través desta nova batería de iniciativas, Patricia Iglesias propón a aprobación dunha Estratexia Galega de Contratación Pública, que estableza que en todos os comedores públicos dependentes da Xunta —escolas infantís, centros educativos, hospitais e residencias— se introduzan cláusulas nos pregos de contratación que garantan o consumo do 45% de produtos de tempada e proximidade e que polo menos o 5% do orzamento se destine a alimentos de produción ecolóxica. Ademais, defende a elaboración de modelos de pregos tipo, para facilitar a aplicación práctica destas medidas en todas as consellerías.
“Non estamos a pedir nada que non estea aprobado xa por lei a nivel estatal. O que pedimos é que a Xunta cumpra coa súa responsabilidade, coa palabra dada no Parlamento, e coas necesidades das familias galegas. A alimentación é unha cuestión de saúde de futuro para os nosos produtores e produtoras”, concluíu Patricia Iglesias.