Luís Álvarez insta á Xunta a non considerar absentismo os casos nos que “existan informes médicos que acrediten que un alumno non debe asistir ao centro de ensino”
Lamenta a falla prioridades regulamentarias por parte da Consellería de Educación: “Hai xustificación e marxe normativo, é unha cuestión de falla empatía por parte da Xunta”
O voceiro de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, lamentou o veto do PP á proposición non de Lei socialista para urxir á Consellería de Educación a ditar “instrucións claras” que definan as circunstancias excepcionais nas que está xustificada a inasistencia á escola no marco da covid. Álvarez insta á Xunta a non considerar absentismo os casos nos que existan “informes médicos que acrediten un risco severo ou consecuencias letais” para o propio alumno ou os seus convivintes.
Así, o responsable socialista remarcou que se está a falar “dunha cuestión acreditada mediante informes médicos”, e “non de que os pais e nais non leven aos seus fillos á escola por elección persoal”. Neste senso, lamentou que a Xunta inste aos subcomités provinciais a analizar cada caso, cando son “os médicos quen teñen capacidade para cuestionar se un alumno pode ou non asistir a clase por cuestións desta índole”.
Álvarez citou o informe da Avogacía do Estado que sinalou que “deberá valorarse, tanto polos centros docentes como polas autoridades competentes, a situación particular de cada menor, por razón de saúde, tanto do menor como dos seus familiares convivintes, así como a situación de evolución epidemiolóxica no momento que se trate”, podendo esta “constituír unha causa de xustificación de absentismo escolar”.
O responsable socialista recordou tamén a recomendación da Valedora do Pobo, remitida o 6 de outubro, para instar á realización de docencia en liña “cando se acredite nos correspondentes informes médicos a existencia dunha patoloxía de risco no alumno ou nos familiares cos que conviva, e así se solicite polos representantes legais do alumnado afectado”. Así, incide, “propón á Consellería que adoite as medidas de educación a distancia previstas con carácter xeral mediante as aulas virtuais”.
Neste senso, Álvarez urxiu a “ditar instrucións aos centros”, xa que esta “non é unha cuestión menor”, xa que “cando unha familia recibe unha advertencia de que se lles vai abrir un expediente por absentismo escolar, un elevado caso de pais e nais son incapaces de entender as consecuencias que podería supor, sobre todo cando se alude á perda de custodias”.
Finalmente, Álvarez sinalou que “protocolo ten flexibilidade suficiente para a súa aplicación nos supostos que nos ocupan” e lamentou a falla de “prioridades regulamentarias” por parte da Consellería de Educación. Así, remarcou que pese a que “hai xustificación e marxe normativo, é unha cuestión de falla de empatía por parte da Xunta”.